Trátase de converter a recta final da tempada de rebaixas nunha feira de stocks ofrecendo grandes descontos. «Para facelo máis chamativo unha parte dos negocios participantes sacarán os artigos á rúa, colocándoos diante das fachadas dos seus negocios para que a xente poida ollar directamente os productos e os fantásticos descontos que teñen», indican desde a asociación de comerciantes. A gran variedade de tendas que se suman a esta campaña fan que sexa todo un reclamo para os clientes que poden atopar verdadeiras gangas en artigos de calidade e primeiras marcas. Participan locais de moda, calzado, complementos, infantil, deportes, lencería e mercería, xoias, mobles e decoración, artigos para o fogar e floristerías.
«Para aproveitar estas oportunidades animamos aos clientes a que se acheguen ata o Centro Histórico de Viveiro esta fin de semana, paseen polas nosas rúas, desfruten da amplía variedade comercial mercando con fantásticos descontos e de paso desfrutar da hostalaría da vila e da nosa gastronomía. Os locais participantes estarán identificados con chamativos carteis de cor azul e amarelo co nome da campaña. Deste xeito para o cliente é moi sinxelo identificar aqueles locais nos que poderá desfrutar da liquidación de stocks», sinalan.
Os comercios estarán abertos o martes 15
Este ano, o comercio de Viveiro abrirá as suas portas o festivo de martes 15 en horario de mañá, así foi decidido pola maioria dos negocios. A apertura será de 11 a 14 horas, que é o horario de festivos. Nestas datas de moita afluencia de xente á vila e dous días festivos consecutivos, o comercio abrirá para poder dar servizo comercial tanto á xente da vila como aos visitantes que se achegan estes días a Viveiro.