Presentada a IV edición das carreiras de cabalos "Cidade de Viveiro"

O Concello de Viveiro presentou a 4ª Edición das Carreiras de Cabalos “Cidade de Viveiro”, que serán esta fin de semana, os días 9 e 10 de setembro, no campo de fútbol de Celeiro.

A alcaldesa, María Loureiro, e Gabriel Vizoso, da Asociación de Cabaleiros do Landro, presentaron este evento. «Un ano máis, desde o Concello de Viveiro colaboramos con esta cita, que posiciona a nosa vila, e a Celeiro en concreto, como un punto de interese turístico e deportivo», subliñou María Loureiro.


A xornada do sábado comezará ás 10 h coa Final do Campionato Galego de Andadura Individual, mentres que pola tarde se celebrará o Campionato Galego de Andadura por equipos e unha exhibición de pastoreo con cans. O domingo, terán lugar as distintas competicións por categorías, que inclúen andadura libre serrada, chapeada e galope. Haberá tamén exposición de maquinaria e feira de gando.