Marta Rouco: «Síntome moi orgullosa do traballo levado a cabo polo goberno no seu conxunto»
No mes de outubro, Marta Rouco cumpriu un ano como alcaldesa de Vilalba. Agora fai balance e fai repaso do que espera do vindeiro curso. Un dos seus obxectivos é construír unha vila mellor e que as familias podan desenvolver o seu proxecto de vila nela.
-Que balance fai do seu primeiro ano como alcaldesa?
-Nos planos persoal e político, diría que o balance xeral é positivo. Síntome moi orgullosa do traballo levado a cabo polo goberno no seu conxunto, xa que conseguimos sacar adiante importantes proxectos: finalizamos o tanque de tormentas, que solucionou os recorrentes vertidos ao río Madalena; abríronse as novas piscinas municipais exteriores da área recreativa da Madalena; conseguimos sacar adiante o orzamento municipal e os principais contratos do Concello, o da recollida do lixo e o do Servizo de Axuda no Fogar, entre outros. En materia de persoal, publicamos as bases de todos os procesos de estabilización e vimos de aprobar a maior oferta de emprego público dos últimos anos.
Xa máis no persoal, ao longo deste ano puiden conversar e estar con moitos veciños e veciñas, coñecer as súas demandas e necesidades e estudalas, ofrecéndolles unha resposta e, sempre que é posible, unha solución. Nesa liña, a miña máxima como alcaldesa é estar sempre ao servizo dos veciños e veciñas. É unha realidade que o Concello ten uns orzamentos moi condicionados polas grandes partidas que se adican aos dous principais contratos do Concello, que veño de mencionar, e polas competencias impropias, aquelas que asume e non lle corresponden, polo que non sempre podemos facer todo o que nos gustaría ou chegar ao mesmo tempo a todas partes.
De todos os xeitos creo que o balance non me corresponde facelo a min, senón aos veciños e veciñas, que son os destinatarios últimos da acción do goberno e os que teñen que valorar se o facemos ben ou non.
-Que opcións ve para que se cumplan as reclamacións que está realizando para a estación de autobuses de Vilalba?
-Por parte do Concello, e persoalmente dende a Alcaldía, traballouse moito para que dende a Xunta de Galicia se ofreza unha solución á situación da estación acorde ás características do noso municipio, un dos concellos mellor localizados xeograficamente no discurso das rutas de transporte público por estrada. Vilalba non pode perder esta infraestrutura fundamental.
Despois de reunirme por segunda vez coa actual directora xeral de Mobilidade, esperamos que a Xunta presente un proxecto viable,funcional e operativo e, se é así, eu serei a primeira en recoñecelo. Agardamos que dende a Consellería non se dean de novo as costas a Vilalba, porque o noso concello non o merece; outros municipios con características semellantes teñen abertas as súas estacións de autobuses e a propia Xunta de Galicia vén de facer investimento nelas. Se non ofrecemos unhas condicións mínimas, cada vez haberá menos usuarios do transporte colectivo, pero non será porque non sexa necesario, senón porque é inviable empregalo como medio de desprazamento.
-Levaron a cabo a modernización das instalacións deportivas de Vilalba. Que supón o deporte para o Concello de Vilalba?
-O deporte é saúde, mental e física, e tamén escola de valores; polo que dende o Concello sempre buscamos apoialo a través de diferentes iniciativas para todas as idades: colaborando permanentemente cos clubs deportivos non só no aspecto económico, senón tamén promovendo as escolas deportivas municipais, coidando as instalacións deportivas...É fundamental que manteñamos os espazos para a práctica deportiva en boas condicións, para que os deportistas e os clubs poidan desenvolver as súas disciplinas con normalidade. En definitiva, o compromiso do Concello de Vilalba co deporte é absoluto, e mostra dese compromiso son os investimentos que vimos de realizar en diferentes infraestruturas deportivas por un importe de preto de 300.000 euros e que continuaremos realizando durante todo o mandato.
-Como valora as iniciativas que están poñendo en marcha no Concello para os máis pequenos?
-Os nenos e nenas son o futuro do noso pobo e, por tanto, fundamentais para este equipo de goberno. Exemplo delo é que temos constituído un consello local da infancia e da xuventude no que os mais pequenos nos poden trasladar directamente ás súas inquedanzas e necesidades.
Nos últimos meses traballamos por conseguir convenios e compromisos doutras entidades para mellorar o día a día dos máis pequenos e ofrecerlles tempo de lecer atractivo e de calidade. Nesa liña, grazas ao Grupo Entrepinares, ofrecemos dous días de festas infantís durante as nosas patronais, unha demanda que precisamente nos trasladaron os nenos e nenas no Consello da Infancia e a Xuventude; un día completo de Samaín ou toda a programación para o Nadal; tamén acabamos de completar a renovación do parque da Rúa da Emigración, onde colocamos unha tirolina tamén a petición dos nenos e nenas da vila, non sendo a única actuación prevista de renovación dos parques infantís, pois estamos estudando tamén a instalación dunha pista multideporte.
E, a maiores, seguimos promovendo cuestións fundamentais en materia de educación, con obradoiros de diversa temática, potenciando a conciliación ou mellorando as infraestruturas educativas para os nenos. Exemplo delo é a instalación dun sistema de climatización na gardería municipal... É dicir, traballamos nun proxecto conxunto de mellora dos servizos públicos que se ofrecen dende o Concello a todos os veciños e, por suposto, tamén aos máis pequenos.
-Son esenciais as políticas para familias en concellos como Vilalba?
-Por suposto, son esenciais e necesarias. Eu sempre digo que, se queremos que as familias fagan o seu proxecto de vida en Vilalba, dende o Concello temos que tratar de facilitarlles ó máximo posible a súa vida aquí, prestándolles uns servizos públicos de calidade, complementados con políticas de conciliación. Nesa liña, este goberno, xa no mandato anterior, puxo en marcha un servizo de madrugadores en todos os colexios do casco urbano do que se benefician na actualidade preto de 60 familias. Tamén puxemos en funcionamento o servizo de comedor da Escola de Educación Infantil con 90 prazas, sendo máis de 70 usuarios este curso. E este ano aumentamos o número de familias beneficiarias das axudas para material escolar do alumnado de educación infantil, un tramo de idade excluído das axudas da Xunta de Galicia por non ser educación obrigatoria.
Contamos tamén cunha unidade de atención temperá para que os nenos de 0 a 6 anos con necesidades especiais podan ser tratados na súa vila, evitando que as familias teñan que desprazarse a Lugo. Se realmente queremos que a xente nova quede a vivir aquí, que formen a súa familia en Vilalba, temos que axudarlles e esa sempre será unha máxima para nós.
-Estas últimas semanas comunicaron varios traballos cos que buscan mellorar a mobilidade. Como valora a actividade económica e empresarial de Vilalba?
-Vilalba é dende hai moitos anos referencia comercial e de servizos na comarca, polo que a mobilidade e o estacionamento dentro da vila son fundamentais e, por tanto, son outra das prioridades deste goberno.
A nosa localización estratéxica, con boas conexións coas principais cidades da contorna, é unha cuestión moi atractiva e que debemos aproveitar en termos de atraer industria. Non obstante, no tocante ao comercio, pode xogar na nosa contra pola proximidade de grandes superficies comerciais que poden desbancar ao noso comercio local. Neste sentido, quero destacar positivamente o traballo da nova directiva da Asociación de Empresarios, moi activa, e que está desenvolvendo importantes campañas e actividades de promoción do noso comercio.
Vilalba conta neste momento cun importante polígono industrial, con empresas de referencia en distintos sectores. Levamos anos traballando na súa ampliación, xa que é fundamental para Vilalba e o seu desenvolvemento económico. Paralelamente, seguimos apostando por mellorar o actual polígono con actuacións como o repintado e sinalización que se vén de acometer con fondos propios do Concello.
-Como cre que valoran os veciños de Vilalba ao actual Goberno municipal?
-Esa é unha boa pregunta que acotío me formulo a min mesma. Non resulta doado, inmersos no traballo diario dun goberno, palpa ra opinión certeira da veciñanza, dado que, ademais, Vilalba é un Concello de case 14.000 habitantes e, aínda que me gustaría, é imposible coñecelos a todos e todas polo seu nome e coñecer todas as súas opinións e inquedanzas. O que eu trato de facer é estar en contacto permanente e a disposición de todos os veciños e veciñas por distintos medios, e tamén con asociacións e colectivos, porque creo que é a maneira de poder coñecer as súas necesidades, demandas e tamén críticas. O que me transmite a xente pola rúa é, en xeral, positivo. Por suposto, tamén hai persoas que a veces nos fan críticas e isto axúdanos a corrixir os nosos erros e aprender de cara a futuras ocasións. Para gobernar é fundamental ter comunicación diaria e próxima cos veciños e veciñas e aposto por seguir escoitando moito e vivindo cada día a realidade da nosa vila.
-Cales son os principais proxectos para o segundo ano de mandato?
-Temos varios e importantes proxectos nos que levamos tempo traballando. Sempre cito como primeiro obxectivo o ciclo da auga, porque é unha cuestión prioritaria para nós dende que asumimos o goberno municipal. Dende que asumín á alcaldía, mantivemos xa dúas reunións con Augas de Galicia e vimos de solicitar unha terceira, e tamén estamos en contacto permanente coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para tratar de mellorar a captación e o saneamento da auga en Vilalba. Levamos moitos anos arrastrando un problema de falta de caudal de auga e de turbidez en momentos nos que as precipitacións son importantes, e é unha prioridade resolvelo. Proximamente asinaremos un novo convenio coa Confederación Hidrográfica para instalar decantadores lamelares e filtros na estación potibilizadora que, xunto á renovación do saneamento da Rúa Plácido Peña, suporán un investimento moi importante e que esperamos que nos permitan solucionar os problemas de turbidez aos que fixen referencia antes e que veñen de moitos anos atrás.
Outro dos eixos do noso goberno é a conciliación, e neste eido estamos tamén a piques de iniciar as obras para a posta en marcha dun punto de atención a infancia con 20 prazas máis de educación de 0 a 3 anos, moi necesarias para que as familias podan vivir aquí.
Por outra banda, temos tamén proxectos que teñen que ver coa eficiencia enerxética e a conservación das infraestruturas municipais, como poden ser as obras de reforma da casa consistorial, para as que temos concedida unha subvención do Ministerio de Transportes, a través do PIREP, de preto de 1 millón de euros, e que estamos a punto de licitar por segunda vez. Ou as obras de cambio de parte da cuberta do pavillón do Insua Bermúdez e a instalación dunha bomba de aerotermia, entre outras.