A alcaldesa de Trabada móstrase agradecida con todos os que colaboraron para apagar o lume
«Non podo estar máis agradecida con todos os que colaboraron para apagar o lume, un lume que estes últimos días se reavivou en varias zonas e que estivemos intentando apagar entre os veciños, persoal do concello, axentes medioambientais, brigadas de bombeiros forestais e motobombistas, porque co forte vento que volvía a facer supoñía unha ameaza», afirma García Bermúdez.
«Quero agradecer unha vez máis a implicación e o traballo de todas as administracións, así como aos veciños de Trabada e concellos limítrofes que usaron tractores e cisternas para frear o avance do lume», engade a alcaldesa.
«Tamén á Garda Civil, que continúa traballando e facendo as labores de investigación, e ao persoal do concello, que despois dunha semana segue enfriando zonas onde se reavivou o lume, de feito antonte pola tarde fixémolo na zona do Castro e en Trabadela», afirma.
«Eu mesma me vin obrigada a cancelar a miña axenda institucional, de feito non puiden estar no pregón das San Lucas porque estiven coa veciñanza e os axentes ambientais, en coordinación co distrito forestal para guialos ata os puntos onde se reavivaba o lume, porque para min o máis importante é Trabada», lembra a alcaldesa.
«En momentos coma os que vivimos estos días é cando se mide a solidariedade dun pobo», sostén Mayra García Bermúdez, que confía en que «a investigación dea os seus froitos e poida caer o peso da lei sobre quen orixinou este dano tan grande á nosa comarca, e poder pouco a pouco volver á normalidade».
Reunión con Medio Rural
Por outra parte, a alcaldesa de Trabada e os alcaldes de Foz e Ribadeo, Mayra García Bermúdez, Fran Cajoto e Dani Vega, están á espera de manter un encontro que solicitaron co conselleiro de Medio Rural, José González, para analizar o acontecido.
Na xuntanza avaliarán a superficie afectada, analizarán os danos ocasionados polos incendios e tentarán concretar as medidas a levar adiante. Os rexedores apostan por iniciar unha estratexia de traballo conxunta para afrontar esta situación.