Ribadeo recuperou os baños das "canouras"
O sábado e o domingo tiveron lugar numeros actividades arredor do mar como fonte de saúde e de vida: charla, visita guiada, baños colectivos, xantar campestre, baile, música e monicreques, espectáculo de narración oral e circo. «Todo co obxectivo de recuperar tradicións perdidas e para desestacionalizar o turismo», subliñou o alcalde, Dani Vega. As actividades comezaron xa o sábado cunha conferencia a cargo de Rafa Quintía sobre hidroterapia, talasoterapia e o culto asociado ás augas na cultura galega. A continuación, tivo lugar un relaxante baño colectivo na praia do Cargadoiro. O domingo arrincou no Campo de San Francisco cunha visita guiada que levou por título Canouras, pioneiras do turismo, a cargo de Noemí Orol, informadora turística. Despois dun novo baño colectivo, os asistentes puideron gozar do xantar campestre e do resto de actividades programadas co obxectivo de poñer en valor o mar como fonte de saúde e de vida, como xerador recursos, como fío da nosa historia e como orixe da nosa riqueza.
Por outra banda, as nenas e os nenos foron os protagonistas do Mercado dos Domingos. Participaron nunha xincana e gozaron dunha fantástica mañá dominical arredor dos produtos da horta ribadense. A xornada estivo amenizada pola actuación do viveirense Joni Ramos.