Ribadeo, primeiro concello da Mariña e oitavo de Galicia en número de pernoctacións

Ribadeo lidera as pernoctacións na Mariña e sitúase en segunda posición na provincia tras a cidade de Lugo. O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo destes datos.

O rexedor subliñou que «Ribadeo está a facer unha boa xestión do turismo. Así nolo din as cifras. Ribadeo é líder dentro do conxunto da Mariña en pernoctacións con 44.757. Iso acredita que somos o concello líder no conxunto da comarca e estamos na posición perfecta na provincia. Somos o concello, despois da cidade de Lugo, con máis pernoctacións».


Para Dani Vega «estamos nunha posición clara de liderado, xa que tamén somos o oitavo concello dentro do mapa galego. Estamos diante de datos moi importantes».


O alcalde considera que «no turismo debemos seguir traballando correctamente, xestionando ben o recurso e en colaboración con todo o tecido económico e social de Ribadeo». E engadiu: «estamos diante dunha boa nova, unha boa cifra esas máis de 44.000 pernoctacións, algo que nos fai líderes indiscutibles do turismo no conxunto da comarca da Mariña e pónnos nunha posición clara en Galicia».


A estes datos aludiu Dani Vega esta mañá en La España Despoblada, o foro da Cadena Ser, que hoxe se realizou desde o Parador de Turismo de Ribadeo e no que se analizou o turismo sostible.