Reparten 10.000 vasos de plástico para o Ribadeo Indiano

Ribadeo Indiano. Fotografía: https://indiano.ribadeo.org/
Durante o VIII Ribadeo Indiano, que se celebrara do 7 ao 9 de xullo, a hostalería ribadense contará contará con 10.000 vasos de plástico ríxido reutilizable serigrafiados. 

O xerente de ACISA, Jesús Pérez, explicou que «a novidade este ano é o reparto de 10.000 vasos de plástico irrompible de 600 cc, reutilizables, lavables e de materia prima 100% reciclable, que nace do compromiso da asociación cos nosos socios e socias, neste caso do sector da hostalería, xa que queremos que poidan repartir entre os seus clientes un recordo do Ribadeo Indiano. Somos conscientes ademais de que esta fin de semana os hostaleiros sofren unha perda importante de vasos de cristal, polo que poñemos á súa disposición un xeito de evitalo, ademais de traballar no compromiso de manter as rúas limpas e para evitar cortes ou accidentes innecesarios». Ademais, con esta iniciativa tamén pretender mostrar o seu compromiso co coidado do medio ambiente.

Pola súa banda, a presidenta da asociación, Carmen Cruzado indicou que «todos os negocios están agardando por esta fin de semana e prepáranse para atender da mellor forma posible aos milleiros de persoas que do 7 ao 9 de xullo se achegarán á nosa vila. Por iso, cada ano, desde a organización do Ribadeo Indiano, tentamos ir a máis e poñemos en marcha iniciativas como a que hoxe damos a coñecer”. Cruzado engadiu que «se trata de vasos que están pensados para quedar de recordo nas nosas casas, cun deseño precioso, que recolle a esencia do Ribadeo Indiano. Queremos ademais subliñar que estes vasos están a disposición de toda a hostalaría local. Unha parte importante foron repartidos ao longo destes días. Pero aqueles negocios que precisen máis ou que aínda non conten con eles poden dirixirse a Acisa para que llelos facilite». 

O alcalde, Daniel Vega, mostrouse agradecido co traballo que ACISA desenvolveu durante este tempo colaborando co Concello para que o Ribadeo Indiano fora posible. Destacou, ademais, que «o traballo conxunto, o traballo nunha mesma liña é o que dá froitos e estase observando e sacándolle réditos para todo o noso Ribadeo”. 

Desde Acisa Ribadeo fan un chamamento especial aos comerciantes e hostaleiros de Ribadeo para que decoren os seus negocios, fachadas, terrazas, barras ou escaparates. E anunciaron que «os establecementos de hostalaría asociados a Acisa Ribadeo, contarán con dúas horas mais sobre a licenza habitual de peche nas madrugadas do 7 o 8 e do 8 ao 9 de xullo con motivo da celebración».