Presentada a XVI Festa da Carne ao Caldeiro en Remourelle

O 19 de agosto terá lugar en Remourelle a XVI Festa da Carne ao Caldeiro. O evento foi presentado no día de onte. O alcalde, Dani Vega, destacou a posta en valor dun produto de proximidade como é a rubia galega e animou a achegarse a gozar deste evento.

O rexedor municipal manifestou que «no mes de agosto sempre se celebra a Festa da Carne ao Caldeiro. Eu creo que é a demostración de facer ben as cousas. Trátase dunha festa para poñer en valor un produto de proximidade como é a carne de rubia galega». 


Para Dani Vega «Remourelle sabe facer ben as cousas. É un traballo que leva facendo desde hai moito tempo». O alcalde ribadense sinalou que «o 19 de agosto queremos convocar a todo o mundo en Remourelle. Eu sempre digo que estas celebracións que queren poñer en valor un produto tamén resaltan un medio de vida e unha aposta polo noso rural. Convocámonos todos en Remourelle o vindeiro sábado». 


Vega tamén tivo palabras de agradecemento na presentación do evento: «quérolle agradecer á asociación de veciños, que está a traballar moito e moi ben por defender os intereses de Remourelle e poñer en valor un produto de proximidade, como é a carne de rubia galega, onde moitos gandeiros viven desa produción. É unha forma de vida que debemos defender. Grazas polo seu traballo e tamén grazas á Xunta de Galicia por colaborar e financiar esta celebración e desde o Concello seguiremos traballando para que estas festas sigan medrando e mellorando entre todos». 


A XVI Festa da Carne ao Caldeiro arrincará ás 14 h coa actuación de Antonio Barros (gañador dos Recantos 2017 e da Liga dos Cantantes Extraordinarios da TVG); ás 14:30 h dará comezo o xantar da carne ao caldeiro. Haberá tamén degustación de empanada de carne de poldro de PRG 100% raza autóctona. Para as cinco da tarde está prevista a actuación do Cuarteto Illa Pancha e para as 19:30 h novo pase de Antonio Barros.