Pancha, a “moeda” de Ribadeo
O Concello pon en circulación 260.000 panchas que se poderán gastar nos establecementos comerciais entre o 9 de setembro e o 31 de decembro
As Panchas están un ano máis de volta nas rúas para apoiar o comercio e a hostalaría locais. A partir do derradeiro día destas festas patronais, o 9 de setembro, e ata o 31 de decembro, xa se poderán gastar nos establecementos comerciais de Ribadeo as 260.000 panchas postas en circulación por Concello.
A das Panchas é unha iniciativa do Concello de Ribadeo que naceu no ano 2019 co obxectivo de fomentar as compras no comercio de proximidade unha vez pasada a temporada alta de verán. Conta coa colaboración da Asociación de Comerciantes, industriais, Servizos e Autónomos (Acisa). A Pancha (PCH) é unha moeda dixital e co PanchaPeto —un moedeiro virtual— pódense obter 40 panchas por cada 30 euros, ata un máximo de 400 panchas, para gastar nos establecementos locais adheridos á campaña.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, considera que «se trata dunha campaña moi agardada polo tecido empresarial ribadense, polo que supón para a súa dinamización económica durante estes meses, de setembro a decembro. Vimos dun verán intenso e moi bo e metémonos no outono-inverno, no que a Pancha é dunha grande axuda para os establecementos adheridos e tamén para a súa clientela. Animamos aos nosos asociados e asociadas a adherirse a esta sexta edición da campaña da Pancha, que comeza nuns días e que se prolongará ata finais de ano».
Pola súa parte, o xerente da asociación, Jesús Pérez, explicou que «nesta nova edición das Panchas, tal e como vimos facendo sempre dende Acisa Ribadeo, ofrecemos asesoramento e apoio a todo o empresariado que así o precise, e por suposto os veciñas e veciños que o necesiten. Con motivo desta nova edición das Panchas, prestaremos apoio e asesoramento tanto ás empresas, no proceso de adhesión dos negocios, como á clientela tanto na compra como na descarga das Panchas. Para iso, calquera interesado poderá pasar polas oficinas de Acisa ou ben poñerse en contacto con nos».