O pleno de Ribadeo aprobou unha modificación de crédito por importe de 160.000 euros

No pleno da Corporación Municipal de Ribadeo, celebrado onte, foron aprobadas unha modificación orzamentaria por importe de 160.000 euros e a actualización da ordenanza municipal reguladora das axudas para a conciliación da vida laboral e familiar.

O alcalde, Dani Vega, explicou que «na pasada tarde noite celebramos o pleno municipal no que abordamos varios asuntos, como a aprobación dunha modificación orzamentaria, onde no Concello días pasados decidíamos destinar unha cantidade para investir, para mellorar certas instalación e espazos. E o que fixemos en paralelo foi xestionar ante a Xunta de Galicia para intentar aforrar eses cartos de fondos propios e facelo a través de fondos da Xunta».


O rexedor subliñou que «falamos de obras como a renovación da contorna do parque de San Francisco, onde iamos investir 40.000 euros e agora será unha cantidade moi superior, grazas á colaboración e á xestión coa Xunta; ou no pavillón de deportes de Cubelas, onde investiremos con fondos da Xunta máis de 20.000 euros; na residencia municipal, onde instalaremos uns toldos, un cenador, para facer actividades tamén ao aire libre cun investimento aproximado aos 20.000 euros; obras de reposición no propio Concello, nas que tiñamos previsto investir 30.000 euros e agora a Xunta de Galicia financiará o 100% destes traballos; ou nas melloras do centro de día. Aquí é unha cantidade superior, son 50.000 euros, que investirá a Xunta na mellora das instalacións que levan moito tempo non moi coidadas e conservadas e era conveniente investir». 


Vega indicou que «estamos a falar dun aforro de fondos propios do Concello de Ribadeo de máis de 160.000 euros, dos que o 100% os financia a Xunta de Galicia. Iso faise con traballo, faise con xestión e cunha dedicación por Ribadeo». 

O alcalde contou que «tamén aprobamos a actualización da ordenanza municipal reguladora das axudas para a conciliación da vida laboral e familiar, incrementando a idade e a cantidade que lles imos subvencionar ás familias». 


Dani Vega considera que «estamos traballando na liña correcta, con toda a humildade o dicimos, pero estamos nesa xestión, traballando e dedicándonos por Ribadeo e traballando entre todos para que Ribadeo siga avanzando».