O BNG de Ribadeo advirte que «o gasto do Concello está descontrolado»
O alcalde, indican desde o Bloque Nacionalista Galego, «incluso chegou a rematar o pleno indicando que a partir de agora as normas de desenvolvemento ían cambiar co fin de reducir a intervención dos representantes da oposición». «Todo moi plural e moi democrático, como se pode ver», engaden.
Canto aos asuntos tratados no pleno, os nacionalistas «solicitamos información no ámbito contable e no ámbito orzamentario e puidemos comprobar como o gasto está descontrolado con facturas que se cambian de partidas ou investimentos que se deixan de acometer —que o propio goberno do PP consideraba prioritarios— para poder pagar gastos de publicidade e propaganda totalmente desmesurados».
Desde o grupo municipal do BNG tamén «pedimos información sobre a instalación dos puntos lilas despois da vergoñenta situación vivida durante este verán con puntos desatendidos e actitudes nada edificantes. Da resposta da concelleira responsable destes dedúcese que estes puntos nin estiveron abertos todo o tempo que era necesario nin estaban atendidos por persoas coa formación e preparación necesarias».
Os nacionalistas fixeron tamén referencia aos telescopios e aos restos arqueolóxicos desaparecidos da Casa da Ría: «seguimos a día de hoxe sen saber onde están por quedar esas instalacións abertas e accesibles durante a celebración da Xira de Santa Cruz ou noutros momentos». «Tamén nos preguntamos cando se van inciar as obras no hospital asilo, que acumulan xa catro meses de retraso. A pesar que por parte do anterior goberno se deixou totalmente resolta a adxudicación desta obra, incluído o financiamento. Pero o señor alcalde, carente de resposta, limítase a prometer unha vez máis a achega da Xunta, da que, por certo, seguimos sen saber nada», conclúen.