"Menos brindes ao sol e máis responsabilidade financeira", artigo de opinión de Pablo Vizoso
Botar a vista atrás e facer balance do traballo feito por unha comunidade é un esforzo que se debe de realizar cada certo tempo para sacar conclusións de proveito. Corenta e cinco anos de xestión dos concellos de man dunhas corporacións democráticas dan para, desde unha mirada retrospectiva, ver como podemos seguir desenvolvendo o proxecto comunitario de Ribadeo.
Resulta positivo destacar as virtudes doutras épocas para aprender delas. Así, sóese decir que cando todo estaba por facer e tocaba desenvolver o exercicio da democracia no día a día dos concellos quizá ese espirito colaborador estaba máis presente que na actualidade. Aínda que tamén se demostrou en épocas posteriores e máis próximas que en temas cruciais, como pode ser o desenvolvemento urbanístico, puxémonos todos a unha para superar a situación anómala de estar rexidos en pleno século XXI por unhas normas subsidiarias de 1.978. Entedemos todas e todos que ben merecía a pena o esforzo por acadar o consenso e superar o caos urbanístico e a depredación do territorio.
De igual xeito soubemos poñernos todos a unha e facer piña para acadar o soño dunha residencia de maiores pola que nos unimos toda a sociedade ribadense para facela realidade. Mágoa que houbese quen, tendo responsabilidades noutros ámbitos políticos, mirase para outro lado ou se puxese de perfil, en vez de sumarse á demanda de colaboración da Xunta nese nobre obxectivo. Aínda hoxe resulta clamoroso o seu silencio, o da Xunta e o de quen mira para outro lado, con respecto á promesa electoral de 700.000 € para a reforma do Hospital Asilo e que segue sen concretarse. E que supón a segunda histórica negativa da Xunta para atender as necesidades de Ribadeo. Así calquera fai brindes ao sol lembrando tempos pasados de colaboración mutua sen mirar ideoloxías. Entón, en qué quedamos? Por qué a Xunta non apoiou a construcción da residencia de maiores nin tampouco agora a reforma do Hospital Asilo? Polos cartos ou pola ideoloxía?
Corenta e cinco anos é un prazo ben prolongado para afirmar que houbo acertos por parte de todos os alcaldes e dos seus gobernos. Pero facer balance de todos estes anos non pode reducirse a unha práctica de surf político, a subirse na cresta da onda como se quen vai enriba da táboa foi quen inventou o Panchorro, descubriu o surf e, incluso, garante o bo tempo o día da proba.
Aínda é máis preocupante outra cuestión: a xestión económica do Concello nos anteriores mandatos co BNG ao frente logrou un re-equilibrio das contas que permitiu uns niveis de investimento e que propiciou que, ano tras ano, Ribadeo estivese en constante desenvolvemento e transformación. Coa colaboración doutras administracións acometéronse obras e creáronse servizos e infraestruturas que melloraron a nosa calidade de vida. Á vista están. E ese esforzo inversor foi posible tamén grazas á solvencia económica do Concello, capaz de corresponder coa súa parte á axuda doutras institucións e de cumprir os seus compromisos. Na miña experiencia como membro do goberno de Ribadeo no anterior mandato, e coa doutros compañeiros e compañeiras de mandatos anteriores, manter unhas contas saneadas sempre foi un obxectivo fundamental que despois nos permitía aplicar políticas sólidas de protección social, dinamización económica e creación de novas infraestructuras.
Empeza a dar a impresión de que todo isto está cambiando. Se a saúde económica do Concello vai decaendo será complicado reconducilo e, incluso, pode que nin se poidan facer brindes ao sol porque ninguén che queira vender viño (ou champán) por medo a cobralo ... non se sabe cando!!!
* Pablo Vizoso Galdo, voceiro do Bloque Nacionalista Galego en Ribadeo.