Máis de 700 inscritos na IX media maratón Ribadeo-As Catedrais deste sábado
Todo está listo para para a celebración este sábado da media maratón Ribadeo-As Catedrais, unha cita que este ano chega á súa novena edición. No día de onte pechaba o prazo de inscricións para unha proba que segue a gañar adeptos, pois serán máis de 700 os participantes que gozarán non só do deporte, senón dunha contorna incomparable.
21.097 metros —a distancia da media maratón— sobre un pavimento mixto: asfalto, terra e aglomerado de grava. A saída terá lugar, como en anos anteirores, desde a casa do concello e realizarase un pequeno percorrido urbano pola vila de Ribadeo, tomando logo dirección cara á praia das Catedrais pola costa, pasando polo Cargadeiro, a illa Pancha, Rinlo e a ruta das praias (Xuncos, Os Castros, Illas e Esteiro, para rematar nas Catedrais). O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destaca a beleza do itinerario: «é unha carreira que transcorre por todo o perímetro da costa ribadente, é un marco incomparable para a celebración dun evento deportivo deste tipo».
A saída da media maratón será ás 17 h e a retirada dos chips e dos dorsais levarase a cabo de 11:15 a 13 h e de 15 a 16:45 h tamén no Pazo de Ibáñez. O Concello de Ribadeo porá autobuses a disposición de todos os corredores que farán continuamente a ruta As Catedrais (aparcadoiro) - Ribadeo (oficina de turismo vella). Así mesmo, o pavillón polideportivo municipal poderá ser usado polos participantes tanto para cambiarse antes da carreira como para ducharse unha vez finalizada a mesma.
Silvent destaca o impacto da proba na vila de Ribadeo: «visitarán Ribadeo máis de 700 corredores, moitos deles acompañados polas súas familias, co que iso supón para a economía. Todos estes eventos tratan de desestacionalizar o turismo, que é o que queremos facer, que a vila goce cada semana de algo diferente».