O incendio obriga a desaloxar varios núcleos de poboación en Ribadeo
13 de octubre de 2023 (10:52 h.)
O lume, que se iniciaba no día de onte no concello de Trabada, avanzou descontrolado e afectou xa a varias localidades do municipio veciño de Ribadeo.
Foi unha noite difícil para moitos veciños e veciñas dos concellos mariñáns de Trabada e Ribadeo, que viron como as lapas do grande incendio declarado onte en Trabada se achegaban ás súas casas. As altísimas temperaturas, impropias desta época do ano e o forte vento do día de hoxe, obrigaron a desaloxar varios núcleos de poboación nos dous municipios.
Aínda que a esta hora, ningunha vivenda se viu afectada polo lume, a preocupación segue a estar presente. No concello de Ribadeo, varias casas dos núcleos de Piñeiro, Cedofeita, A Ponte, Vilaframil, A Devesa e Folgosa tiveron que ser desaloxadas. O pavillón de deportes de Ribadeo foi habilitado e posto a disposición da veciñanza afectada polo incendio.