Gonzalo M. Lebredo, presidente da comisión de festas: «Creo que é moi positivo que todos formemos parte algunha vez dunha asociación e que fagamos este tipo de servizo público»
-As túas primeiras patronais como presidente da comisión de festas. Como valoras o traballo feito ata o de agora?
-Si, son as primeiras festas en que eu ocupo o cargo de presidente da comisión, pero é un traballo que xa vén de antes. Feito por outras comisións e, sobre todo, pola do ano pasado, xa que varios membros continuamos. Seguimos unha liña de traballo e un proxecto a longo prazo de sostibilidade económica, de xestión de espectáculos e boa organización. Valoramos moi positivamente o traballo que levamos feito nestas dúas últimas edicións das festas.
-Decidín dar este paso porque sempre me gustaron moito as festas patronais, sempre me gustou moito implicarme na vida social e asociativa. Xa na universidade, nestes anos que estiven máis en Ribadeo, quixen implicarme e estou desfrutando moito. Creo que é moi positivo que todos formemos parte algunha vez dunha asociación e que fagamos este tipo de servizo público. E unha comisión de festas é unha boa maneira de achegarse a isto.
-Que destacarías do programa deste ano?
-Este ano temos una programa ben escollido, adaptado a todas as franxas de idade e a moitos estilos musicais. Un programa que, cremos, encaixa moi ben en Ribadeo. Hai que ser moi prudente e moi responsable cando se elabora unha programación porque tés que escoller non o que a ti che guste, senón o que cres que debes elexir atendendo ao que a xente che di, á opinión pública, e tamén ao criterio de todas as persoas que forman parte da comisión. Cando se fai un programa, cando se fai un orzamento e se prevén uns gastos, hai que ter, como dicían os clásicos, os pés na terra e a mirada no ceo. Hai grandes orquestras, grandes concertos que non están nesta edición, pero si que fixemos unha programación onde hai cabida para concertos como o de La Guardia, actuacións para os nenos coma a do Mago Antón, ou para orquestras de primeiro nivel como Capitol ou Grupo Beatriz. Ademais, seguimos na nosa liña de coidar moito o espectáculo de fogos de artificio, que ten moito arraigamento aquí en Ribadeo. Seguimos nesa liña de traballar e de ir mellorando.
-Cales son as principais novidades con respecto a outras edicións?
-Nós seguimos unha liña de traballo e non queremos romper co traballo feito. Sempre hai marxe para o crecemento e nós este ano temos grandes atractivos nas orquestras que forman parte do cartel para que todas e todos os ribadenses poidan gozar delas.
-Como ves as festas de cara ao futuro?
-Penso que ter unha situación económica balanceada, ter unha estabilidade dentro da comisión e ter un grande apoio institucional, empresarial e por parte da veciñanza é importante para ollar ao futuro con moita ilusión, con moitas ganas e con moita esperanza. Creo que son unhas festas con moita marxe de crecemento, con moita capacidade de innovación; e con esta prudencia da que falo si que se vai poder incorporar nun futuro algún elemento que lle dea un punto máis de atractivo e de nivel, por dicilo dalgunha maneira, a estas festas. Estou moi contento e o futuro é moi esperanzador.