Defensa persoal para mulleres, filmes e teatro polo 25-N en Ribadeo

O Concello organiza unhas Xornadas de Defensa Persoal para Mulleres, que terán lugar en novembro. Ademais, para o 25N están programadas a proxección de Matria e a representación de Miss España, entre outras actividades. A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, comentounas o Consello Municipal da Muller, que se reuniu hai uns días en Ribadeo. O mesmo contou coa participación activa de representantes de diversas asociacións e entidades convocadas para abordar cuestións fundamentais no ámbito da igualdade.

Despois de informar o Consello sobre os cambios na súa composición e aprobar a acta da sesión anterior, o encontro inaugurouse coa exposición detallada das actuacións e proxectos que actualmente impulsa o Concello de Ribadeo no ámbito da igualdade.


A edil de Igualdade, Begoña Sanjurjo, presidenta do Consello, destacou «a recente modificación da ordenanza municipal que regula as axudas para a conciliación da vida laboral e familiar. Esta modificación permitirá que máis familias ribadenses teñan acceso a elas ao aumentar os limiares económicos e elevar a idade ata os 12 anos». Así mesmo, instouse ás entidades e asociacións convocadas a participar activamente nas propostas de actuacións previstas ata finais de ano. 


No Consello Municipal da Muller deuse conta da elaboración no campo de fútbol Pepe Barrera do mural Pola igualdade, obra de Uxía Treitas, «que ten como obxectivo representar os distintos deportes que se practican no concello e utiliza as cores da bandeira LGTBIQA+ como fondo detrás de cada práctica deportiva. Tamén inclúe a representación de deportistas con discapacidade». 


Sanjurjo adiantou que «no mes de novembro o Concello, en colaboración coa Asociación Española de Gardas Civís organizará unhas Xornadas de Defensa Persoal para Mulleres, que combinarán o ensino de técnicas de autodefensa con aspectos psicolóxicos e legais, brindando ás participantes unha formación integral para enfrontar e previr a violencia de xénero». 


A concelleira de Igualdade seguiu a relatar que «o 24 de novembro proxectarase a película Matria, que aborda as implicacións e consecuencias das violencias machistas, así como a loita das mulleres pola súa liberdade e dignidade. Haberá dúas proxeccións para os centros de ensino e unha tamén para o público xeral».


No Consello da Muller acordouse realizar un acto especial o 25 de novembro para visibilizar o que representa. Begoña Sanjurjo propuxo «a creación dun vídeo colaborativo no que participen centros de ensino, entidades e asociacións de Ribadeo, así como o Centro de Día ou a residencia de maiores, con fotografías ou microvideos, para a súa posterior emisión e publicación en redes sociais».


A edil ribadense dixo que «o 26 de novembro Iría Piñeiro chegará ao auditorio Hernán Naval coa súa obra Miss España, que cuestiona os estereotipos de xénero e os roles impostos ás mulleres na sociedade. Tamén se instalará un banco violeta, que levará incorporado un código QR que enlazará con información sobre como actuar ante un caso de violencia machista , así como con recursos para as propias vítimas».


Por último, informouse ao Consello que o IV Plan de Igualdade, que está a ser elaborado pola Consultora Coeduca. Actualmente, atópase na fase de diagnose, e prevese que a súa elaboración estea finalizada a principios do próximo ano, permitindo a implementación de medidas desde ou inicio do 2024.


Sanjurjo agradeceu a participación das diferentes asociacións no Consello Municipal da Muller: «quero agradecer a presenza de distintas mulleres no Consello representando ás súas asociacións e animar ás que non puideron vir esta vez para que respondan á seguinte convocatoria para entre todas facer un Ribadeo mais igualitario e mellor».