Dani Vega dá a coñecer o reparto das áreas de goberno

Daniel Vega, alcalde de Ribadeo. Fotografía: Aquí Diario

O novo alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, que onte asistiu á clausura dos actos conmemorativos do 50 aniversario do CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz, deu a coñecer hoxe o reparto das áreas do seu equeipo de goberno: Begoña Sanjurjo será a concelleira de Facenda, Cultura, Educación e Igualdade. Marta Saiz levará Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, Montse Seijo será a concelleira de Recursos Humanos, Seguridade e Atención Cidadá. Diego Dos Santos será o responsable de Medio Rural, Medio Ambiente e Infraestruturas, Elena Sierra será a concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia e Francisco Silvent levará Deportes e Mocidade. 

 

Esta tarde, ás 20:30 h haberá pleno de organización onde «se aprobarán o calendario de sesións que celebraremos ao longo do ano, as xuntas de goberno local, as retribucións económicas do equipo de goberno… en definitiva organizaremos o que será o vindeiro mandato», explicou o rexedor ribadense. 

 

Vega subliñou que “somos un goberno que o que pretende con total vocación é escoitar, gobernar para todos, entre todos e tamén contar coa Corporación Municipal, que é algo fundamental para chegar a acordos”.

 

Para o alcalde ribadense “este será un mandato con moita vocación de servizo, con moita ilusión, con moitas ganas para que Ribadeo avance e medre e creo que entre todos ímolo facer”.