O Antroido ribadense, unha festa con moita historia
Xa está aquí o Antroido de Ribadeo, que este ano trata de recuperar algunha das súas tradicións, como por exemplo, a Comparsa do Cocho ou as Mascaritas. No mes de marzo dun lonxano 1983, un pequeno grupo formado por 21 entusiastas persoas pensaron que o Antroido ribandense podía converterse na festa popular por excelencia. Despois dunha xuntanza, quedou constituída a comisión que quedaría encargada de organizar esta festa para o vindeiro ano, o 1984.
Un récord Guinness
Sabiades que o Antroido, neste caso o personaxe que adoita estar representado por un boneco de palla para despois ser queimado, foi obxecto dun récord Guinness? Foi no ano 1988 cando foi merecedor de figurar no Libro Mundial dos Récords debido ao seu inmenso volume así como á súa altura. O seu peso achegábase ás dúas toneladas, e foi construido con cartón, pedra, escaiola, barras de ferro e recheo de palla e herba.
A Comparsa do Cocho
Este ano, o domingo Lardeiro, volve a Comparsa do Cocho, que se remonta a unha tradición que consistía nun desfile popular —o Cortexo do Cocho—, onde un porco duns 100 quilos de peso saía polas rúas acomodado nunha fermosa carroza, ben acompañado e mellor vestido. Sonado foi o ano no que se prohibiu a saída do animal por parte das autoridades.
Mascaritas
Outra tradición que se recupera este ano é a da Mascarita, un personaxe clásico do Antroido ribadense que se caracteriza polo seu espírito argalleiro e satírico. A súa vestimenta xorde de maneira espontánea usando a roupa que todas as familias teñen gardada nos seus faiados. Non representa a ninguén en particular, senón que amosa a creatividade e orixinalidade de cada persoa (con perrucas, colares, panos…)