372 alumnos e alumnas matriculados na Escola Municipal de Música de Ribadeo
A edil ribadense indicou que «este alumnado estará atendido por 13 docentes, especialistas en cada unha das disciplinas que oferta o centro. Desde o Concello de Ribadeo queremos agradecer o traballo de todo o claustro e ofrecer o apoio institucional que sexa preciso para levar a cabo o seu labor”.
Sanjurjo subliñou que «Escola e Concello camiñaremos unidos para xerar situacións ou eventos nos que amosar o traballo do alumnado e do profesorado, novos coñecementos e novas habilidades que desenvolverán enriba do escenario compartindo experiencias tamén con outros centros».
O responsable da EMMeD de Ribadeo, Hugo García, amosou a súa satisfacción «porque o número de persoas matriculadas sexa moi elevado, o que demostra que o traballo que facemos desde a Escola percíbese como positivo por parte do alumnado que repite e tamén polo conxunto da cidadanía, o que fai que novos alumnos e alumnas se animen a formar parte do centro». García Presno destacou que «tanto o proxecto educativo do centro, unha combinación de ensino teórico con moitas actividades prácticas, coma o cadro docente son as claves para entender o crecemento constante da Escola dende o mesmo momento da súa fundación da man de Hernán Naval».
Para Hugo García «o máis positivo é seguir mantendo o proxecto, artellar un centro vivo no que se fomente unha educación transversal, no que as alumnas e alumnos non só aprendan conceptos teóricos senón que poidan amosalos enriba do escenario, compartir experiencias con outros centros, participar en actividades que vaian máis aló da música e da danza que axuden a integrar a igualdade, a solidariedade ou o traballo en común no día a día da EMMeD».
O responsable da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, Hugo García, agradeceu «o apoio tanto do claustro de profesores e profesoras da Escola como do Concello de Ribadeo. É clave o apoio institucional para poder levar adiante o proxecto da Escola e a súa actividade. E tamén é moi importante contar cun corpo de profesores e profesoras que crean no proxecto e que estean comprometidos, como é o caso».