O sábado 29 de xullo celebrarase a VI edición da Romaxe Viquinga no Concello do Vicedo. Outras das exitosas festas de recreación histórica que terá lugar na praia de San Román.
A programación comeza xa o venres co pregón, que correrá a cargo da actriz galega Isabel Blanco, ás 20:30 h na Casa da Cultura. A continuación, terá lugar o pasarrúas con combates entre as tropas cristiás e viquingas. Todo animado pola música da agrupación O Son do Sor e polos cantos de taberna con Os do 21.
O sábado, 29 de xuño, durante todo o día, numerosos actos farán as delicias dos asistentes nunha contorna natural tan espectacular como a da praia de San Román: un barco viquingo chegando á costa, uns cabaleiros cristiáns dispostos a defender as terras, un espectáculo de loita en plena area, un mercado viquingo e cristián ao lado da mesma praia, obradoiros, desfile viquingo, lugares para comer, actividades para nenos, espectáculo de lume nocturno, enterramento e voda viquinga etc.
Nesta VI edición, a Romaxe Viquinga contará, por primeira vez, cunha actuación musical internacional; pois desde terras irlandesas chega o grupo folk Aileach. Estarán tamén os galegos Covagueira Folk. Ademais, veciños e visitantes poderán gozar do espectáculo nocturno de Queiman Folki protagonizado polo Bruxo Queiman; a cerimonia da queimada galega combinada con música, teatro e baile que conta a historia dun peregrino a través da súa viaxe a Santiago de Compostela.