Esta será a programación das San Lucas
É a festa máis antiga de Galicia e a quinta de España, as súas orixes remóntanse ao ano 1.156, cando Alfonso VII lle concedeu á vila unha festa de oito días. Neste 2023, As San Lucas cumprirán 867 anos e terán lugar do 17 ao 22 de outubro.
Martes 17, Día das Vésperas
Como é habitual, os festexos abriranse, o martes 17, coa tradicional chegada dos cabalos polas rúas ata o campo da feira. Ás 18:45, uns cincocentos animais baixarán dos montes próximos á cidade neste Día das Vésperas. Un espectáculo que se pode ver desde lugar tan emblemáticos como o barrio dos Muíños, a rúa San Roque, a Fonte Vella ou a praza da Catedral. Esa mesma noite xa haberá verbena coas orquestras Aroma e Olympus.
Mércores 18, San Lucas
O 18 é o día de San Lucas, xornada na que se celebrará a tradicional gran feira de gando cabalar coa entrega de premios ás gandarías participantes ás 13:30 h. Xa pola tarde será a quenda para a II Concurso de Andadura Cabalo Marchador Galego, nas modalidades serrada (dous tempos) e chapeada (catro tempos). Á noite, as orquestras Salsarena e Los Satélites serán as encargadas de amenizar a festa.
Xoves 19 e venres 20
Tanto o xoves 19 como o venres 20, ás 21 h, terá lugar na praza da Catedral un espectáculo de doma nocturna que contará coa presenza de especialistas nacionais e internacionais como Javier Simón (Mallorca), Kevin Ferreira (Francia), Miron Bococi (Romanía) ou Tereza Čermáková (República Checa). O xoves, que ademais será o Día do Neno, a música correrá a cargo da charanga Santa Cecilia e da orquestra Kubo. O venres, amenizarán a verbana Cinema e Pepe Benavente.
Sábado 21 e domingo 22
O sábado celebraranse, no Recinto da Granxa, os distintos concursos morfolóxicos de cabalos e eguas de pura raza galega nunha xornada á que porán o ramo as orquestras Ritmo Joven e Panamá. Ademais, terá lugar un encontro folclórico e o coñecido gaiteiro, Xosé Manuel Budiño, actuará tamén ás 22 h. O domingo pecharanse as festas e haberá concursos de andadura e verbena co grupo Alkar.