A Faba Verdina de Galicia promocionarase na saída das 21 etapas de La Vuelta
O Concello de Mondoñedo apoia a promoción do selo Faba Verdina de Galicia dentro do stand ‘E... para comer, Lugo’ da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería, e Turismo de Lugo (APEHL) que ofrecerá degustacións e outras actividades de promoción dos produtos na saída de cada unha das 21 etapas de La Vuelta ciclista a España.
O goberno local subliña a súa satisfacción ante «a primeira vez que este selo de garantía de orixe dos produtos da Asociación de Produtores de Verdina de Galicia —integrado por produtores de Mondoñedo, Trabada e Lourenzá— aposta por unha promoción a nivel nacional». Así mesmo, consideran que «é unha excelente ocasión non só para promocionar a compra deste produto de calidade, senón tamén para difundir o seu potencial gastronómico».
As accións de promoción inclúen a difusión dun folleto de receitas propostas polos establecementos hostaleiros mindonienses coa faba verdina como protagonista e, por suposto, a súa degustación. Para iso, un dos produtores e integrante da Asociación de Produtores de Verdina de Galicia, Alfonso Cartoy, doará o produto e os cociñeiros elaborarán aperitivos que serán degustados antes da saída de cada etapa.
Cartoy sinala que é «unha oportunidade para darse a coñecer no mercado» e tamén para que «os cociñeiros coñezan de primeira man a calidade do noso produto». Nese sentido, defende que «a faba verdina de Galicia é pouco coñecida, pero o noso produto é bo».