Bico Praia, o novo chiringuito que xa triunfa en Foz

Bico Praia, o novo chiringuito inaugurado o pasado 30 de xuño na praia de Llas, nace da idea de dúas amigas: Cristina Balseiro e Elena López. Xuntas decidiron abrir este negocio «porque vimos que había un nicho de mercado importante e non tiñamos ningún establecemento deste tipo en Foz». 

 

Os terreos, que agora son propiedade de Cristina, xa o foran con anterioridade do seu avó e do seu pai. «Sempre pasaba camiñando por alí e pensei que estaban desaproveitados». «É unha parcela grande, con vistas ao mar e non edificable polo que nos animamos a montar un chiringuito», apunta Cristina, que afirma estar encantada coa acollida nestes primeiros días de actividade. 

 

O proxecto botou a andar coa compra dun contedor, despois «todo o traballo manual fixémolo nosoutras coa axuda dalgunhas amizades» sinala Cristina Balseiro. Apunta que os mércores e os venres serán días temáticosMércores Canalla e Banana's Friday— con pinchos e música en directo complementando así os Xoves Cálidos que tan ben funcionan no verán focego. Tamén haberá “tardeos” aproveitando as Festas do Carme. 

 

«Temos un sitio moi agradable e cun ambiente distendido para pasalo ben e tomar algo en contacto coa area», subliña a propietaria, que se amosa ilusionada con esta idea de chiringuito moi consolidada noutros lugares e optimista co futuro dun local que xa é unha sensación na Mariña