Javier Huertas, presidente da Acial de Lourenzá: «O futuro do comercio en Lourenzá depende da participación e do impulso das novas xeracións»
O presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Lourenzá (Acial) e tenente de alcaldesa, Javier Huertas, reflexiona sobre a situación actual do comercio local e a necesidade de atraer novas voces á directiva. Aposta por iniciativas que integren o Entroido e as campañas comerciais, á vez que destaca a importancia da Festa da Faba como sustento para moitas familias do concello
O ano pasado, por estas mesmas datas, comentaba que desde a directiva de Acial Lourenzá buscaban un cambio. Como evolucionou a situación dende entón?
Dende aquela intentámolo en dúas ocasións. Xa comentara que, debido ás numerosas responsabilidades que tiña coa Tenencia de Alcaldía, quería deixalo, pero non apareceu ninguén disposto a presentarse. As persoas que estamos actualmente na directiva temos outras ocupacións e non conseguimos abarcalo todo. Por iso, desexamos que se implique xente relacionada co mundo do comercio e da industria, que dispoña de máis tempo para dedicarlle. Polo momento, seguimos os que xa estabamos, pero a finais de ano procuraremos incorporar novas persoas con ideas frescas e máis ilusión, que supoñan un impulso para mellorar a situación actual, xa que cada vez somos menos na directiva. Iso si, seguiremos aí para apoiar a quen veña. Sería unha mágoa que isto se desfixese, pois seguimos desfrutando das promocións e sorteos que realizamos a través da Federación de Comercio de Lugo.
Moitas das actividades de Acial están relacionadas co Entroido de Lourenzá. Houbo algún cambio na orientación da asociación ou na forma de organizar estas iniciativas para beneficiar mellor aos comerciantes?
Prácticamente todas as actividades que organizabamos ao longo do ano —desfiles de moda, ceas, bailes e sorteos— estaban vinculadas co Entroido de Lourenzá, en concreto co Domingo de Piñata. A miña intención era cambiar esta dinámica e crear dúas direccións diferenciadas: unha dedicada exclusivamente ao Entroido, en colaboración co Concello, e outra desde Acial enfocada en campañas máis comerciais que beneficien directamente aos comerciantes. Isto débese a que moitos non se vían favorecidos de forma directa coas iniciativas do Entroido.
Que cambios observou no comercio local de Lourenzá nos últimos anos e como están a adaptarse á nova realidade do mercado?
A tendencia do comercio nos pobos está en declive, non hai relevo xeracional. A xente que tiña negocios retirouse ao xubilarse e eses establecementos pecharon sen que se volveran abrir. Hai anos organizabamos bingos e desfiles con alta participación, pero esa dinámica foi desaparecendo. Outro factor clave foi a pandemia, que paralizou todo, e retomar o ritmo resultou bastante complicado.
Sempre lles digo aos nosos asociados que non nos podemos comparar coas grandes superficies ou co comercio electrónico; non podemos competir neses prezos. Con todo, ofrecemos outras vantaxes: proximidade, asesoramento personalizado, levamos o produto á casa e estamos aí para resolver calquera reclamación. Esta cercanía é algo que nos pobos aínda podemos manter, pero nas cidades xa desapareceu por completo.
Dada a importancia de adaptarse ao mundo dixital, en Acial lanzaron iniciativas nas redes sociais como o ‘Escaparate Virtual’...
Sí, creouse co obxectivo de expoñer os nosos produtos, ofertas e promocións, dándolle visibilidade ao comercio local dentro do concello. Todos os socios están presentes, e o seu éxito foi tal que se expandiu significativamente, logrando un gran número de seguidores. A partir dese éxito, unímonos ao grupo 'Compra na Mariña Lucense', onde o alcance é aínda maior, o que incrementa a visibilidade dos nosos produtos. O mellor de todo é que dentro dese grupo todos nos apoiamos mutuamente. Hoxe en día, as redes sociais son unha ferramenta fundamental para os negocios.
Que campañas están por vir?
Unha das campañas destacadas é Acial Nadal, en colaboración coa Federación de Comercio de Lugo. Por cada 30 euros de compra, os clientes reciben participacións para entrar nun sorteo onde poderán optar a varios premios mediante unha ruleta. Entre os premios destacan dous cheques de 500 euros, seis de 300 euros e dez de 50 euros. Ademais, no momento da compra, os clientes poden recibir agasallos instantáneos.
Tamén xa temos data para o Mercado de Nadal, que se celebrará a fin de semana do 14 e 15 de decembro. Ademais de expoñer os produtos dos socios do comercio local de Lourenzá, está aberto a calquera comerciante ou artesán que desexe participar e exhibir os seus produtos de forma totalmente gratuíta. Esta será a cuarta edición e está a ter moi boa acollida. Destacamos o ambiente que se xera durante eses días, onde os 14 ou 15 comercios que participan adoitan reunirse para almorzar ou comer xuntos. É un fin de semana que fomenta unha unión entre comerciantes que non se ve noutras ocasións.
Esta fin de semana estase a celebrar a Festa da Faba. Que supón para Lourenzá?
Xunto co Entroido, esta festa é unha das datas máis importantes para Lourenzá, e representa o sustento de moitas familias no concello. Se antes algunhas se adicaban a ela de maneira parcial, agora hai moitas que viven exclusivamente da faba. Cando se logra unha boa colleita e os prezos se manteñen dentro dos acordos previos, os resultados adoitan ser positivos. Este ano, debido ás condicións meteorolóxicas, a colleita vai bastante atrasada e non imos contar con faba seca a tempo. As vendas comezarán a notarse seguramente a partir de xaneiro, xa que se comercializará algo máis tarde. Aínda así, a demanda manterase igual, pois contamos con clientes fieis de toda Galicia e Asturias, que se non a poden adquirir agora, volverán nuns meses. Os beneficios desta festa da faba serán máis evidentes a longo prazo.