Xa se coñecen as sete candidaturas para a elección de rei ou raíña do Entroido de Foz
O concelleiro de Festas, Ángel Fernández, sinala que «os sete candidatos son nomes coñecidos na vila de Foz pola súa participación activa no Entroido e case todos pertencen a algunha asociación vinculada a este».
Os aspirantes son Dérek Pérez Fernández, da comparsa Ruxe Ruxe; Carlota Fernández del Riego, da comparsa As Trouleiras; Coral Rey Oliveros, da comparsa Sin Xeito; Lucía López Lombardero, da comparsa Malo Será; Julio Villarino Neira —máis coñecido como O Yanki—, do grupo Vanche Galanas; Manuel Sanjurjo Rodríguez, da comparsa Os Macanudos de Barreiros; e María Díaz Villamor.
«Para a festa do sábado 14 de outubro montaremos unha carpa na Sala Bahía e haberá servizo de barra. Tamén contaremos con servizo de ceas a cargo de Espacio Machete e a festa estará amenizada polo DJ Alejandro Martínez», anuncian desde a Asociación O Noso Foz.
O evento contará con xurado, que terá un peso do 40%, e con votación popular, o 60%. «Para votar no evento será necesario mercar as entradas que se venderán ese mesmo día a partir das 18:30 h na propia Sala Bahía. Terán un prezo de 2 euros e os menores de 14 anos entrarán gratis», explican desde a organización.
A apertura de portas será ás 19:30 h e ás 20 h dará comezo o acto, no que se desenvolverán unhas probas para coñecer mellor aos aspirantes. Unha vez rematado, o público dispoñerá dun tempo para deliberar e votar a quen será o seu candidato/a a raíña ou rei do Entroido 2024 e posteriormente realizarase o reconto de votos. Ás doce e media da noite anunciarase o candidato elixido e continuará a festa.
Desde a organización do evento e desde o Concello de Foz prégaselle aos asistentes que acudan disfrazados. Ademais, desexan «a maior das sortes a todos os aspirantes a rei ou raíña do noso querido Entroido; sabemos de boa man que calquera deles será un digno representante», comenta Fátima Novo, presidenta da asociación O Noso Foz.
O alcalde, Fran Cajoto, deséxalles a todos os participantes «a maior das sortes xa que sabemos que teñen unha enorme ilusión por ser o máximo representante do Entroido de Foz».