O PSOE e o BNG chegan a un acordo en Foz para un goberno de coalición
Fran Cajoto, alcalde de Foz, e Francisco Xavier Fanego, asinaron hoxe un acordo que permitirá un goberno progresista conxunto en Foz. O nacionalista repetirá como primeiro tenente de alcalde.
O rexedor socialista amosouse satisfeito xa que o novo acordo «vai permitir seguir coa estabilidade en Foz e continuar cos cambios que o concello necesita para consolidarse como a referencia da Mariña. Buscamos un goberno de coalición pero un goberno único, no que se respecten as áreas de goberno e que permita avanzar nos cambios que precisamos. Temos retos moi importantes e con este acordo sentamos as bases para corrixir os erros que se puideron producir na pasada lexislatura. Foz está medrando e debemos medrar con el. O compromiso con Foz é total, debemos estar á altura do que o noso concello merece».
Pola súa banda, Fanego afirmou: «Estamos satisfeitos de ter podido chegar finalmente a un acordo. A lectura que fixemos despois da primeira reunión antes da investidura provocou unhas manifestacións públicas que a tenor das reunións mantidas durante a pasada semana debemos matizar, xa que se deu o clima necesario para falar e chegar a acordos nun bo ambiente».
Canto ás áreas de goberno, o primeiro tenente de alcalde será o responsable de Medio Ambiente e Patrimonio. O nacionalista Simeón Neira López levará as carteiras de Deporte e Mar; Benito García Bolaño, Medio Rural; e Zoraida Coira Vázquez, Educación, Xuventude e Normalización Lingüística. O alcalde asumirá directamente as áreas de Urbanismo e Obras e Seguridade Cidadá. A segunda tenente de alcalde, Inés López Couto, que asumirá as funcións de alcaldesa en ausencia deste, levará as áreas de Economía, Facenda e Cultura. O concelleiro socialista Ángel Fernández Neira será terceiro tenente de lcalde con delegacións en Servizos Públicos e Festas. A concelleira Ana Rojo será a responsable de Servizos Sociais e Benestar, Inclusión e Inmigración. A socialista Elena Martínez Pena asume as carteiras de Muller e Igualdade, Participación Cidadá e Aula Universitaria. Carlos García será concelleiro de Relacións Institucionais, Comunicación e Coordinación da Axenda 2030 e, por último, Kathy Alonso será a responsable de Turismo, Comercio e Sanidade.
O salario do alcalde e a dedicación parcial da segunda tenente de alcalde serán os mesmo que no anterior mandato, con 47.921,16 e 23.960,58 euros brutos ao ano respectivamente. A concelleira do BNG, Zoraida Coira Vázquez, tamén percibirá unha dedicación parcial de 23.960,58 euros ao ano. Ademáis, Cajoto, recentemento elixido deputado provincial asegura que reformulará as retribucións: «Para asumir as tarefas de deputado conto co respaldo dos compañeiros e parte do salario da Alcaldía será para eles, que deberán realizar un traballo extra. Agradézolles o esforzo: o noso compromiso é con Foz».