Presentan en Foz o San Lourenzo, con Grande Amore, Boyanka Kostova e Carlangas no Vrao
A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que «coma todos os agostos, Foz énchese de música e cor coas súas festas do San Lourenzo. A asociación O Noso Foz e o Concello presentan un cartel cheo de actividades para todos os públicos, que engade ao municipio atractivo para visitalo”.
Inés López engade que «esta semana o pistoletazo de saída dáse o domingo 6, día en que se celebrará o IV Festival de Bandas Vila de Foz. Organizado pola Banda de Música de Foz coa colaboración do Concello, contará coa actuación da Banda de Música Municipal de Meira e da Banda Sons e Soños, ademais da anfitrioa. O concerto será ás 20 h na praza Conde de Fontao. A vindeira semana será a grande das festas do San Lourenzo, que pregoará Javier Alonso, máis coñecido como "Chingla". O pregón será o vindeiro martes 8 de agosto, ás 20:30 h na praza Rosalía de Castro, coa actuación de Mar Aberto. As verbenas darán comezo o mércores na explanada portuaria, a partir das 22:30 h coa actuación de Grupo Beatriz e Fania Blanco Show. O xoves 10, día de San Lourenzo, haberá misa solemne con procesión ás 12 h e a continuación sesión vermú coa orquestra Miramar. Pola noite o Trío Nostalgias de Vigo actuará a partir das 21:30 h na praza Conde de Fontao. Ás doce da noite terá lugar o tradicional espectáculo pirotécnico no paseo de Laredo (Praia da Rapadoira) e á finalización a verbena será a cargo de Miramar e a orquestra Finisterre na explanada portuaria. O venres 11 a partir das 22:30 h poderase desfrutar do Grupo Bomba e da orquestra Marbella. Pero non só hai verbenas no cartel do San Lourenzo, xa que o sábado 12 será o turno do Festival Vrao, que a partir das 21:30 h encherá de sons independentes a praza Conde de Fontao. Grupos galegos como Sabela & Heartbreakers, Grande Amore, Boyanka Kostova, Malándromeda e Carlangas actuarán xunto cos mellores DJ'S. Xa o domingo 13, na praza Rosalía de Castro ás 21:30 h será a presentación do novo disco de Chingla, Cantarche ei Galicia, co acompañamento de Tito Calviño e Sito Sedes. E o luns 14 chegará a Banda do Verán á praza Conde de Fontao para que os máis pequenos desfruten cantando con eles ás 20:30 h. Para continuar o martes 15 coa festa acuática na Praia de Tupide, que se celebrará entre as 16 e as 19:30 h. Unha semana que culminará coa Feira do libro, como é tradicional en Foz».
«Os departamentos de Cultura e Festas traballaron arreo para programar todas estas actividades, ademais do grupo que conforma a Comisión de Festas O Noso Foz. Queremos agradecer o seu enorme traballo para sacar as festas adiante, sen eles non sería posible», indica o concelleiro de Festas, Ángel Fernández Neira.
Pola súa parte, a presidenta de O Noso Foz, Fátima Novo, agradece «o incansable traballo dos meus compañeiros de comisión, así como da indispensable colaboración do Concello para que entre todos teñamos as mellores festas posibles».
A concelleira de Cultura explica que «desde o Concello queremos apoiar a cultura máis e menos coñecida, pequenos-grandes artistas que crecen día a día con nós e que están ao lado da nosa porta. Este verán chegou o festival Abanea, ensinándonos que a danza é a gran descoñecida do mundo cultural, e agora continuamos con música co festival Vrao».
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, recorda que «o espectáculo pirotécnico foi desde sempre un dos eventos máis máxicos do noso verán. Queremos informar a todos aqueles que desfrutan das súas mascotas dos pormenores do evento para que os animais sufran o menos posible. Pedimos comprensión e desculpas por anticipado» e desexa «a veciños e visitantes unhas felices festas de San Lourenzo».