Presentan en Foz as Festas do Carme, incluídas dentro da axenda cultural de xullo
A comisión de festas e o Concello presentaron a programación cultural do mes de xullo, axenda na cal se inclúe o programa das Festas do Carme. Unha comisión «que se renova cunha mestura de xuventude e veteranía, pero sobre todo con moita ilusión». Deste xeito, Ángel Fernández —que será novo concelleiro—, deixa o seu cargo como presidente do colectivo en mans de Fátima Novo. Suso Hermida, Álvaro Morís e José García son os novos integrantes dun grupo que completan e do que xa formaban parte Erea Ben, Suso Pérez, Atilano Fernández e Estefanía Otero.
Desde O Noso Foz agradécenlle a Ángel Fernández «a confianza depositada para seguir traballando e construíndo eventos para o Concello, tanto para os máis novos como para os máis maiores». «Queremos desexarlle a maior das sortes nesta nova etapa, seguiremos traballando con el cóbado con cóbado, sen ningunha dúbida», afirmou Novo.
As festas do Carme comezarán o mércores día 12 co festival “Coa Nosa Fala” organizado polo Concello, que contará coa actuación de Abril e de Catuxa Salom, a partir das 22 h no parque Rosalía de Castro. A concelleira Inés López engadiu: «este ano quixemos que Coa Nosa Fala fora feminina e que as voces que escoitemos poñendo en valor a nosa música e a nosa lingua sexan as de mulleres». O xoves 13 ás 20:30 h lerase o pregón na Igrexa Parroquial de Foz, a cargo de Antonio Ares, mariñeiro xubilado e devoto da Virxe do Carme. A continuación, ás 23 h terá lugar o concerto de Pantera Rosa no Campo da Cabana. O venres 14 a verbena estará amenizada pola orquestra La Ola ADN e o Grupo D’Cano. O sábado 15 haberá sesión vermú a cargo da Orquesta Magos e ao longo da tarde noite elaboraranse as alfombras florais na honra da Virxe. A partir das 23 h haberá de novo verbena coa orquestra Magos e La Oca Band. O domingo 16 é o día grande e ás 12 h comezará a misa na honra da Virxe do Carme cantada por Mar Aberto na Praza Conde de Fontao, con posterior ofrenda floral e procesión. A sesión vermú estará amenizada polo Grupo Platinum, que actuará tamén á noite xunto coa orquestra Los Players. Por último, o luns 17 será o día infantil e haberá inchables e obradoiros gratuítos para os máis pequenos na Praza Conde de Fontao de 18 a 21:30 h.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece «o gran traballo da comisión de festas e de todos aqueles que se involucran na organización das festas patronais de Foz, como a Cofradía Virxe do Carme. Continuaremos traballando cóbado con cóbado para que o verán de todo o concello de Foz sexa o elixido para gozar do tempo libre e do noso comercio e hostalería».
Todos aqueles que desexen colaborar no deseño, traballo cos materiais e creación das alfombras florais poderán apuntarse chamando ao teléfono 982 140 027, extensión 3. A partir do martes 4, comezarase a traballar na pista exterior da Sala Bahía, que se habilitará para o tintado e corte de flores e outras preparacións de materiais.