Javier Castiñeira: «Foz está sumido no caos»

 

 

 

«Novas caras que repiten os erros do pasado», así de contundente se amosa o voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, que critica con severidade «a nula transparencia do alcalde á hora de informar á veciñanza e aos turistas dos problemas de abastecemento». «Lamentablemente nada cambiou nos últimos meses coa entrada do novo equipo de goberno no Concello de Foz», asegura Castiñeira. 

«Agora que Foz conta cun equipo de goberno con máis concelleiros e dedicacións, a realidade é que os servizos cada vez teñen máis problemas, mentres que as solucións brillan pola súa ausencia», sinala Castiñeira en relación aos problemas co servizo tras a análise negativa na auga da rede pública: «veciños, turistas, hostaleiros e comerciantes seguen sen poder consumir a auga da traída, un problema serio do que o alcalde se nega a informar». 

Para o voceiro popular «a imaxe que se está a dar de Foz, unha vila turística, é moi negativa, sumindo a Foz, en plenas festas de San Lourenzo, no caos» e continúa: «o alcalde fala de cobrar taxas turísticas mentres esquece o máis importante, dar servizos básicos á veciñanza». «A realidade é que neste verán en Foz os servizos non están á altura do que deberían ofrecerse. Os pasos de peóns están sen pintar; caos circulatorio derivado de ter vías cortadas e outras mal sinalizadas, o que provoca atascos diarios e que os condutores non saiban como circular por determinadas zonas, sen esquecer a recollida do lixo, un servizo que está nun déficit absoluto», conclúe o voceiro dos populares.