O PP de Foz acusa a Cajoto de «non asumir as súas responsabilidades na xestión da crise da auga»
Javier Castiñeira critica as formas do alcalde de Foz que «para tapar as súas vergoñas modifica os acordos da corporación ao seu antollo e mañá celebraranse dous plenos consecutivos, o extraordinario da crise da auga, solicitado polo Partido Popular, e o ordinario no que pretende aprobar a suba das taxas da residencia de anciáns».
Javier Castiñeira explica que, «cando se conformou a corporación municipal, un dos acordos realizados foi o de celebrar o último xoves de cada mes o pleno ordinario, algo que este mes non vai a respectar». «Cajoto determina que no mesmo día se celebren o pleno extraordinario e o ordinario porque non ten argumentos para defender a súa nefasta xestión á fronte da crise co abastecemento de auga potable», denunciou.
«Deste xeito, mañá martes celebraranse dous plenos —o ordinario de setembro e o extraordinario solicitado polo Partido Popular— sendo esta a estratexia do alcalde para tentar pasar páxina de dous clamorosos erros da súa xestión», denuncia Castiñeira. «Por unha banda, a nefasta xestión da crise da auga e, por outra, a suba de prezos que quere impoñer o alcalde de Foz na residencia de anciáns do municipio», engade.
«Por que fai iso o alcalde? Para tapar a súa nefasta xestión co problema da auga, onde o único que fixo foi ser a voz da empresa concesionaria do servizo», afirmou Castiñeira, que pregunta que «a que lle ten medo o señor Cajoto? Por que non se poden celebrar os plenos como tiña que ser, un o martes e outro o xoves? Por que atrasou tanto o pleno extraordinario que solicitou o Partido Popular para aclarar o que realmente sucedeu co abastecemento de auga potable?».
«O único que está claro é que despois de estar parte de agosto e todo o que levamos de setembro sen auga potable é que non hai solucións por parte do goberno local, máis alá de recomendar a compra de auga embotellada. Non se asumiron responsabilidades, algo ao que nos ten acostumados o señor Cajoto, que nunca asume nada. A culpa sempre a teñen os demais», criticou.
Desde o PP de Foz denuncian que «non se trata dunha situación nova. No mandato pasado xa vivimos esas cacicadas de mover os plenos —último xoves de cada mes— á conveniencia única e exclusiva do señor Cajoto. Volve a ser unha falta de respecto máis, das múltiples ás que nos ten acostumados o alcalde. Unha falta de respecto a todos os veciños xa que non asume os graves problemas que todos sufrimos no municipio».
«Unha actitude lamentable a do alcalde, como tamén a de aqueles concelleiros que llo permiten, como os edís do BNG, que no mandato pasado demostraron que son submisos políticos do señor Cajoto e seguen na mesma liña», rematou.