O PP advirte que «Marzán se queda sen novo videomarcador pola deixadez do bipartito focense»
Os populares condenan a «desculpa do BNG asegurando que non se solicitou porque a subvención non é total, cando todos sabemos que hai poucas axudas que sexan do 100%». E, neste caso, «con esta axuda poderíase adquirir a moi pouco custe para o Concello un videomarcador electrónico para o pavillón de Marzán», indican.
Os populares tiñan instado ao goberno local a través dun rogo hai varios meses a «solicitar esta axuda atendendo ao que nos tiñan pedido desde o CB Celtas; xa que o pavillón de Marzán ten un marcador electrónico desfasado mentres que outros pavillóns teñen videomarcador electrónico que, incluso, serve para proxeccións audiovisuais».
A concelleira Verónica Soto explica que «volveron deixar escapar subvencións que eran importantes para o deporte focense. Non por ter máis concelleiros e dedicacións o Concello vai mellor».
«A falta de xestión do goberno bipartito ten como resultado a perda dunha oportunidade para que os nosos clubs contaran coas dotacións á súa altura sobre todo tendo en conta que se trata de equipamentos solicitados polos propios usuarios que resultaría positivo para todo o Concello», conclúe.