Nova polémica en Foz, agora por causa do 'Comborecho'
O 'Comborecho', a 21ª Festa do Berberecho que se celebrou en abril acompañada da actuación de El Combo Dominicano, é a causa da nova polémica entre o goberno municipal e o PP de Foz. Os populares aseguran que «non tiña contemplado orzamento porque esta festa nunca tivo este carácter e que supuxo un gasto de 20.000 euros».
«O desgoberno en Foz, especialmente na área de Cultura, é lamentable». Así o manifestan os populares tras comprobar no último pleno que «o equipo de goberno levaba a aprobación dun suplemento de crédito de 180.000 euros para tratar de paliar as deficiencias na xestión da concelleira».
A concelleira, Verónica Soto, explica que «os 20.000 euros que usou para o Comborecho eran os que se debían usar para os fogos artificiais das festas do San Lourenzo que están sen pagar, a pesar de que se reserva unha partida nos orzamentos municipais». Tamén se deixou de pagar a achega que é habitual por parte do Concello ao Festival Bal y Gay.
«Este diñeiro debería estar previsto para apoiar a dous eventos de moito interese; pero, agora, toda a xente que fai un grandísimo traballo tanto no San Lourenzo coma no Festival Bal y Gay, un dos mellores de toda Galicia, terá que esperar un tempo máis para poder cobrar», explica a popular.
Verónica Soto subliña «a mala xestión do goberno local que gasta os cartos en actuacións electoralistas e deixa sen partida para pagar aos provedores de dous eventos que deberían estar consignados no orzamento. O goberno do señor Cajoto vela polos seus intereses e deixa de lado os do Concello».