Leticia Veiga, profesora de idiomas: «Con esta nova metodoloxía podemos aprender unha lingua de xeito espontáneo»
Que vantaxes ten a metodoloxía EPI (Extensive Processing Instruction) na aprendizaxe de linguas con respecto a un enfoque máis tradicional?
Trátase de que o alumnado que aprenda un idioma acabe por falar espontaneamente, sen necesidade de pensar o que están a dicir. Apréndese por medio de frases, non por medio de vocabulario, como se aprende tradicionalmente. Estas frases, despois de facer moitas actividades, van quedando na memoria como cando aprendemos a andar na bici, que non se nos esquece. Diso se trata.
Cómo xurde a idea dun curso deste tipo?
Porque é unha metodoloxía pioneira que se está aplicando con efectividade noutros países e eu aplico nas miñas clases e por eso pensei en trasladalo á comunidade educativa e onde mellor que a través da UNED de Foz.
Así e todo, non hai métodos máxicos...
Por suposto. Require tamén un esforzo por parte do alumno ou alumna. Pero é a base de repetición, de repetición de frases. Comézase por unhas frases sinxelas, polas unidades polas que se empeza cando se aprende calquera idioma e progresivamente vaise aumentando a dificultade dependendo do nivel do alumno. Isto funciona cunhas táboas, que se chaman sentence builders, e que os alumnos sempre teñen con eles ata que chegan a un certo punto onde xa non as precisan e de maneira natural xa poden falar. Nesas tábaos inclúense tamén contidos gramaticais, así non abandonamos nada do que tamén usariamos nunha aproximación máis tradicional.
Ademais, hai un ano saíu do prelo un libro seu baseado nesta metodoloxía...
Este foi o primeiro libro que fixemos, aínda que xa hai un bo número deles publicados. No Reino Unido, Australia, Nova Celandia e Malaisia está sendo un método pioneiro. Tamén agora o goberno escocés e irlandés o están adquirindo para que o usen en todos os colexios. Falei co profesor G. Conti e deume a oportunidade de traballar na versión inglés-español.
Como se achegou a este enfoque e á figura do profesor Gianfranco Conti?
Gianfranco Conti é un profesor experto en idiomas. Leva 25 anos como docente. Comecei a investigar a través de Twitter sobre esta nova metodoloxía. Púxenme en contacto con el e asistiu ao colexio do Reino Unido onde eu traballaba para amosarnos o seu método. A partir de aí, comecei a probala nas miñas clases e vin que daba moi bos resultados.
O programa do curso consta de cinco sesións, que se tratará en cada unha delas?
Cada sesión estará dedicado ao ciclo desta metodoloxía, que se chama MARS EARS. Imos ir explicando en que consite cada paso deste método. Non hai, como dicías, unha fórmula máxica.