Inícianse as expropiacións para a construción das rotondas da N-642 en Cangas de Foz
O levantamento de actas previas de ocupación levarase a cabo na casa consistorial do Concello de Foz o 2 de novembro entre as 9 e as 14 horas.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mostrouse moi satisfeito polo compromiso do Goberno do Estado co Concello. «Levamos feitas moitas xestións na anterior lexislatura e tiveron os seus froitos. Non son promesas nin papeis, coa expropiación dos terreos iniciamos de verdade a construción das rotondas de Cangas», manifestou Fran Cajoto en relación á expropiación dos terreos para construír dúas rotondas sobre a Nacional 642 na parroquia de Cangas. «Con estas rotondas eliminamos dous puntos negros e facilitamos a mobilidade. O cruce coa estrada a Ferreira é especialmente perigoso: incorporarse desde o Centro Social de Cangas non resulta nada doado. Ademais os veciños de Ribela e a Gralleira ven limitado o acceso ás súas vivendas ao non permitirse o xiro á esquerda sobre a Nacional; con esta actuación imos solucionar este problema». Son unhas obras que, en palabras do alcalde, teñen unha «gran demanda veciñal», tanto pola AA VV San Pedro de Cangas como por todos os habitantes das parroquias máis beneficiadas: Cangas e Cordido.