López Couto di que o PP mente: «non se aprobou ningún suplemento de crédito para a área de Cultura»

photo_camera Fotografía: Facebook Agrupación Socialista de Foz
A concelleira de Facenda e Cultura, Inés López Couto, di que o Partido Popular foi ao pleno da corporación municipal celebrado este luns «a mentir e nin se dignou a ler os temas que xa se debateran na comisión de asuntos preparatorios».

«A proposta aprobada en pleno rezaba Un suplemento de crédito por importe de 180.000,00 €, para o financiamento de certa aplicación orzamentaria para cubrir o pago das facturas da residencia e centro de día ata que comece o novo contrato, polo que resulta ata ridículo ter que responder ás acusacións que escriben. Dótanse 180.000 euros máis para seguir pagando as facturas da residencia de Foz, grazas á nula aportación da Xunta de Galicia. O labor de fiscalización do PP non inclúe mentir acerca dos temas que se tratan no pleno. Como xa lles dixen na sesión, o mínimo é o respecto á institución e aos veciños de Foz. Non se aprobou ningún suplemento de crédito para a área de Cultura», manifestou López Couto en relación ás declaracións que hoxe facía Verónica Soto, quen acusaba a Cajoto «de gastar os cartos do Festival Bal y Gay ou dos fogos do San Lourenzo en eventos de carácter electoralista coma o 'Comborecho'». 

Inés López Couto engade que «deberían ser máis rigorosos coas informacións antes de espallar mentiras por aí. Sabemos que non lles gustou a Festa do Berberecho, xa que foi a edición que contou con máis xente. Tamén sabemos que no ano 2016 a Deputación de Lugo lles concedeu unha subvención nominativa para o pago de gastos desta festa, que o señor Castiñeira nin xustificou, co que se perdeu ese diñeiro. E no ámbito cultural sabemos que o investimento, calquera que sexa, non é o seu forte. Cando tomamos posesión a biblioteca estaba medio pechada, cun fondo sen catalogar e no que non había nin a metade dos libros. Non fixeran investimento de ningún tipo. O investimento cultural foi nulo en xeral por parte do goberno municipal do PP». 


A concelleira de Facenda explica tamén: «continuando co seu argumento de pagar en prazo ou non, só un dato: parte das orquestras que contratou no mes de agosto do 2017 cobraron en xullo do 2018. Sexan serios, por favor».