Que supón para vostede ser o pregoeiro da XXII Festa do Berberecho de Foz?
Ser pregoeiro desta festa é algo moi especial porque eu fun quen creei, xunto co meu equipo de goberno. E fixémolo porque pensabamos que o berberecho era parte da historia do concello. Lembro cando se collían no lombo da ría e eran o sustento económico, en moitos casos, de familias enteiras coa venda que facían tras cada marea de berberecho. Polo tanto, esta festa —que se puxo en marcha por primeira vez no 2004— é unha maneira de recuperar a historia de Foz.
Xa ten experiencia facendo pregóns... pode adiantarnos algo do seu contido?
Pois si, xa pregoei as festas do Carme en Foz. Lin tamén o pregón das festas de Cangas de Foz. Mais, sen dúbida, o máis difícil de todos foi o que realicei en Sestao, convidado polo Concello de Sestao con motivo do Día de Galicia. Era un tempo en que había fortes medidas de seguridade e controis por mor da problématica que había daquela no País Vasco.
O pregón vai consistir nun percorrido centrado no berberecho, como non podía ser doutra maneira. Contarei un pouco como fixemos para facer aquilo, porque non é doado construír un festa deste estilo. Había que saber con que contabamos, que había que facer e que non había que facer e con quen había que falar. Cando decidimos montar esta festa, viaxamos a moitas cidades de España, fomos presentar a nosa festa a Avilés, a Valladolid, a Ponferrada, a Laredo, a Santurce e a Madrid a FITUR. Tamén nas grandes cidades e vilas galegas, en moitos sitios. Trouxemos autocares á festa para facela grande. Tamén había que facer a infraestrutura, aínda que sabiamos que contabamos coa Escola de Hostelería, pero non sabiamos se podiamos utilizala para isto. En definitiva, había que construír unha infraestrutura. Tivemos moito traballo ata chegar a facer esta festa, tamén buscar aos pregoeiros, o propio Miguel Ángel Revilla pasou por Foz no ano 2010. Son moitas cousas que non vou narrar aquí, senón deixarei sen contido o meu pregón.
Como lembra a súa etapa á fronte da Alcaldía?
Gardo un bo recordo. Había moito traballo e non había tempo de parar. Estiven 16 anos de alcalde, pasei por dúas maiorías absolutas e a primeira, un pouco máis complicada, foi un pacto de goberno co BNG co que lle quitamos a Alcaldía ao PP. Nós tiñamos un proxecto, todo alcalde e todo equipo de goberno debe telo para saber o que hai que facer nesta vila. Naquel momento apostamos forte polo turismo. Fixemos, por exemplo, os paseos marítimos que permiten ir desde a punta a Punta de Foz ata Areoura, case ata Burela. Estes proxectos son obras daqueles gobernos que presidín. Abrimos a construción, non creando novos espazos, senón nos xa creados para os que demos licenzas fortalecendo a vila sobre o casco e non sobre a costa. A costa quedou virxe de construcións, agás algunha vivenda illada que se fixo nun momento no que se podía construír alí. Había parroquias que non tiñan auga, nin saneamento, nin electrificación, todo iso houbo que facer, dar servizos básicos no rural e modernizando a vila para que a día de hoxe sexa un lugar atractivo para o turismo.
E agora? Segue de preto a actualidade política?
Un político nunca deixa de seguir a actualidade política, senón non é político. Hoxe en día, o Concello está gobernado por dous partidos que xa tiveron unha experiencia de goberno anterior. Sempre é complexa a cohabitación, pero creo que os grandes asuntos están sacándoos adiante. Vexo un goberno estable e creo que todos os cidadáns agardan esa resposta convincente de unidade.
Dalgunha maneira segue moi compremetido coa vila desde o seu cargo como presidente do C.D. Foz...
Si, desde hai xa moitos anos. Estou agardando a que haxa un relevo, porque chega un momento que os proxectos se agotan. Eu xoguei ao fútbol, fun capitán do C.D. Foz, fun adestrador, e agora tamén presidente. Pasei polos tres postos. Que vou dicir do Foz? É algo que está dentro de nós.