Fran Cajoto: « É inaudito que teña que abordar nunha rúa á conselleira porque se ningunea ao Concello de Foz»
O alcalde de Foz reclama que a Xunta de Galicia aboe as débedas co concello e que amose vontade de diálogo para desbloquear o tema da residencia de maiores
Alcalde de Foz desde 2019, Fran Cajoto asegura que mantén a ilusión por un concello no que a poboación medra de xeito continuo nos últimos anos. Unha das cuestións que quere resolver é a da residencia de maiores, que nos últimos tempos está xerando unha situación de bloqueo e confrontación política.
-Estase a falar do encontro que tivo en Ribadeo coa conselleira de Política Social e Igualdade...
-Hai uns días, insistinlle en solicitar a xuntanza que temos pendente. A resposta á nosa petición desa reunión foi que a propia conselleira non levaba con ela a súa axenda. É inaudito que eu teña que abordar nunha rúa á conselleira porque de xeito continuado se ningunea ao Concello de Foz. Desde a Xunta non se responde ás nosas cartas e non se recibe ao alcalde. E creo que a situación é máis necesaria porque hai moito que resolver sobre unha residencia de maiores que a Xunta de Galicia deixou abandonada. Vamos a seguir insistindo para conseguir esa reunión e outras pendentes, porque, do contrario, tamén nós estaríamos abandonando Foz.
-Como é a situación administrativa da residencia de maiores?
-Temos un bloqueo por parte da Xunta de Galicia, porque a residencia de Foz é propiedade do Consorcio de Igualdade e Benestar. Xa no anterior mandato, no ano 2023, a opción que escolleu o Concello en Pleno, de forma unánime, foi que a Xunta, unha vez vencido o anterior convenio, xestionase, por competencias, a residencia. Non foi posible. Agora o modelo de concesión que temos que poñer en marcha, porque así nolo impuxo a propia Xunta, está a ocasionar problemas. O Concello dispuxo fondos en todo momento para que aqueles residentes que non tiveran recursos económicos dabondo non se viran abocados a quedar fóra. En ningún caso abandonamos aos usuarios, como si fixo o ente autonómico. Somos responsables, somos legalistas... Agora temos unha situación de bloqueo, pero temos que continuar xestionando, porque os nosos veciños e veciñas demándano.
-Hai moito balbordo co tema das tarifas...
-O tema das tarifas ven froito dun compromiso que Javier Jorge Castiñeira adquiriu cando era alcalde: que o custo tiña que ser cero para o Concello. E nós, como administración responsable, o que garantimos é que aqueles que non teñan recursos económicos reciban axuda do Concello en función das capacidades económicas de cada un. Isto parécenos o máis lóxico. En calquera caso, estamos a demandar unha reunión de forma continuada coa conselleira, como xa comentei, porque, xa que non quixo xestionar a residencia, queremos que nos traspase a propiedade do edificio, tal e como asinou nun convenio o 17 de xaneiro de 2023. A conselleira non nos recibe e non aboa os máis de 700.000 euros anuais que lle corresponde aboar á Xunta de Galicia, polo que esa contía está a poñela este ano o Concello de Foz. É algo inaudito e que repercute en todas as veciños e veciñas. Estamos intentando resolvelo e apostamos por un servizo que dea cobertura a todas as veciñas e veciños. Estamos a falar dunha residencia de só 40 prazas, para a que hai máis de 150 persoas en lista de espera. Niso consiste a xestión: nun conxunto, en saber dicir sempre a verdade e non ocultala. E o que estamos atopando noutras forzas políticas é demagoxia e oportunismo en mudar a súa opinión cando xa está todo o traballo administrativo feito. Isto provoca que todo o Concello se enlenteza.
-Percibe unha manobra de desgaste político?
-É evidente. Hai, por unha parte, un intento de desgaste e bloqueo que é palpable. E, por outra, un cambio de opinión do BNG froito da presión de antigos membros da forza política. Nós tivemos reunións con todas as partes implicadas no tema da residencia de maiores e sempre apostamos pola xestión. Falamos cos técnicos e, coa súa axuda, vimos os casos particulares para que ninguén que non puidera pagala sufrira dificultades. Ese compromiso segue vixente e temos que continuar con ánimo, traballo e dedicación.
-É complexo ser alcalde con este panorama?
-Ser alcalde é difícil en calquera situación, pero o que nos move son a ilusión, o traballo e os proxectos de futuro que temos en carteira. Estamos a falar de que o servizo da residencia, que naceu moi pequeno, non está resolto, pero seguimos traballando con agrado para desbloquear ese proceso administrativo. E non só se fala da residencia, tamén estamos a falar dun proxecto de futuro, de mobilidade, co que o pobo sexa realmente accesible e que continúe con vías adaptadas e cun acceso central que resolva definitivamente os problemas de tráfico de Foz. Estamos a falar de proxectos en todos os eidos. Vimos de reunirnos para un proxecto que non podemos adiantar, pero que é moi bonito dentro da axenda 2030 para a posta en valor da nosa auga, dos nosos recursos naturais. Estamos a traballar na concesión do ciclo integral dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración da auga. Estamos traballando por unha liña nesa nova depuradora de augas residuais, pero tamén na adecuación da planta potabilizadora que precisa o noso pobo. Estamos traballando tamén no eido educativo, co proxecto da escola de artes plásticas no que esperamos que haxa avances cedo. É unha amalgama de perspectivas de futuro, de planificación e de ilusión. É o que nos move.
-Este ano non se falou da auga de Foz en verán...
-Tamén hai que recoñecer que axudaron as condicións climatolóxicas. Pero por iso é tan importante a planta potabilizadora e sacar adiante o concurso da concesión dese ciclo integral da auga. Queremos que a potabilizadora teña un tratamento previo con ozono, mellorar o sistema de decantación e todo o ciclo de potabilización da auga. Iso significa traballo, xestión e planificación. Son moitos meses de traballo e agardamos, neste caso, contar co resto dos partidos para chegar a eses obxectivos. Do contrario, a veciñanza non entendería máis bloqueo.
-Como valora o Servizo de Axuda no Fogar?
-O SAF témolo licitado, adxudicado e en pleno funcionamento. O problema que temos co SAF é que, dentro deses máis de 700.000 euros aos que ascende a débeda anual da Consellería de Política Social, están os 360.000 euros que se nos deben polo SAF. Iso son recursos que non aporta a Xunta e que debe aportalos o Concello. Sufrímolo nos nosos impostos e en que non podemos inverter, por exemplo, en mellorar rúas ou o alumeado público. Máis e mellores servizos implican máis inversións da financiación local. Estase a falar moito da inversión autonómica e pouco da dos concellos, que somos os que sufrimos máis o problema.
-Se a débeda anual da Xunta é de 700.000 euros, a canto ascende a débeda dos últimos anos?
-É incalculable. Estamos a falar de millóns de euros, incluso de decenas de millóns de euros. Tamén estamos pendentes de que se solucione o convenio de cesión do espazo portuario, polo que pagamos máis de 100.000 euros anuais por ocupar uns espazos públicos que xa non teñen esa función. A través de Costas comprometéronse a cedérnolos. E, por suposto, pedimos máis coordinación. É impensable que unha administración como a local non se poda reunir coa autonómica para coordinar e solucionar os problemas que hai. Cando falamos de implicación de todas as administracións, iso significa escoitar, poñer en valor... É certo que non sempre se pode executar, pero esperamos chegar a puntos de acordo. Esperamos que na segunda parte da lexislatura cambien as políticas e se pense en todos os concellos, non só nos dunha determinada cor política.
-Que valoración fai da evolución das infraestruturas?
-Temos fitos conseguidos froito de moito traballo e esforzo; indo a reunións en Madrid, deseñando, falando con técnicos e con políticos... Agora mesmo, as rotondas de Cangas xa están a ser unha realidade. Despois irá a mellora da intersección da Corredoira e tamén o terceiro acceso. Aparte de cuestión menores, vese a fluidez coa demarcación de estradas. Necesitamos esa fluidez con todas as administracións. Os resultados están aí e vense.
-O polígono ten o dinamismo esperado?
-Nestes últimos anos, estanse a ocupar practicamente todas as parcelas do parque empresarial de Foz. É case imprescindible unha ampliación, o que reflexa o dinamismo que ten Foz. Estamos con promocións, obras que se retomaron, dando licenzas para obras novas e edificacións colectivas... Isto é algo que non pasaba desde hai décadas. A poboación aumenta todos os anos e a tendencia vese acelerada nos últimos. Isto demostra que a xente escolle Foz, que Foz está de moda e cun ritmo sostible de seguir medrando. Estamos situándonos á vangarda
-Como cambia a xestión de Foz entre o inverno e o verán?
-Unha das demandas que temos en Foz é a da implantación da taxa turística. Houbo unha muda de opinión na Xunta de Galicia, que tamén hai que celebrar, para que non só os empadroados e veciños de Foz, senón a xente que goza coa vila nas súas vacacións, poda aportar. Precisamos incrementar os servizos, porque estamos a falar de 28 persoas contratadas unicamente para o verán. Sen embargo, debemos aumentar esa cifra porque o pobo cambia completamente. Pasamos do Foz dos 10.000 ao Foz dos 30.000, e xestionar unha pequena cidade ten as súas necesidades.
-Tras cinco anos na alcaldía, como están as forzas?
-Estamos xa na madurez. Chegamos á alcaldía con moita ilusión, con proxectos moi potentes. Algúns estanse desenvolvendo e outros, nos que a Administración é lenta, imos máis paseniñamente. Pero todo ten a finalidade de construír o concello que queremos. O auditorio está en carteira e seguimos traballando noutras cuestións. A ilusión, o esforzo, a liña de traballo e a perspectiva que temos os concelleiros, porque isto é un traballo en equipo, vense reflexados en como avanza Foz. E tamén é obrigatorio agradecer moito os ánimos que nos trasladan os veciños e veciñas, porque nos animan a seguir con máis afinco.