Fran Cajoto e os retos de futuro en Foz
Este ano 2023 está chegando á súa fin e para o alcalde de Foz, Fran Cajoto, neste segundo mandato consecutivo, o principal reto «é acelerar o paso, isto significa que funcionemos como Administración a mellor ritmo, aínda que os datos son moi positivos, pois continuamos por cuarto ano consecutivo sendo o concello que máis medra de toda A Mariña. O cal demostra que Foz é a opción preferida por todos os que queren gozar da costa. Isto aválanos e anímanos a seguir traballando, sabedores de que hai cuestións da lexislatura pasada que queremos ver cumpridas cantos antes»
Infraestruturas
«As rotondas de Cangas xa están en expropiación. Acábase de anunciar a aprobación definitiva —que se vai publicar nos próximos días no BOE— a mellora do enlace da Corredoira. Sabemos que está en supervisión o terceiro acceso que queremos ver publicado tamén no Boletín Oficial do Estado canto antes. Hai tamén escasos meses que acabamos de inaugurar o paseo entre Peizás e A Pampillosa, quilómetro e medio e o que queremos é devolver á veciñanza ese espazo público que perderan cunhas ruínas que estiveron instaladas durante 40 anos. Estamos a falar da contorna de Areoura, unha das praias máis emblemáticas de Foz e da comarca, e que queremos ver conectado co centro social de Cangas. Temos que avanzar tamén noutras infraestruturas. O 2024 vai ser o ano do inicio das obras da EDAR e temos que ser capaces de mellorar outra infraestrutura fundamental como é a ETAP. Estase a traballar neses anteproxectos para preparar unha planta potabilizadora de auga que evite problemas como os que sufrimos durante o verán para os próximos 30 anos. Outra mellora será a conectividade —que se iniciou na pasada lexislatura— na que se levou a fibra óptica a case todo o municipio. Esta conectividade na que traballamos implica mellorar a cobertura da rede de telefonía móbil e o primeiro fito que queremos ver realizado é a instalación desa antena para dar servizo a Trasmonte, a Teixeira, a Brea e a Fontao, na estrada entre Fazouro e San Acisclo, onde hai un punto negro sen cobertura. Tamén temos presente a mellora de camiños nas parroquias, asunto co que estamos a traballar e para o que imos presentar proxectos xa para avanzar o vindeiro ano».
Administración e posta a punto do casco urbano
«Neste 2023 xa estivemos traballando arreo a nivel administrativo e de posta ao día do Concello que se reflicte coa presentación dos orzamentos en prazo por segundo ano consecutivo. É importante ter a capacidade en Foz de investir e mellorar o coidado e o ornato e a limpeza das nosas rúas, por iso reservamos tamén unha partida de 95.000 euros para a compra dunha nova varredora para o casco urbano».
Servizos sociais
«Neste punto está xa andando o contrato de SAF que sacaramos neste ano 2023 a licitación da residencia, que ten que dispoñer dun novo adxudicatario para, coa maior das normalidades, prestar ese servizo nunha residencia que queremos ampliar a futuro
Auditorio
«O 2024 será tamén o ano da compra dos terreos nos que queremos ubicar unha infraestrutura fundamental para Foz, da que non dispón, como é o auditorio. Un ano por diante con moitos retos que afrontamos con moita ilusión e sabedores de que os grandes proxectos levan tempo e por iso temos que acelerar o paso para que se fagan realidade canto antes».