Fran Cajoto, alcalde de Foz: «Preparamos Foz para o que vén, somos o concello que máis medra en poboación na Mariña»
Leva catro anos asentado en Foz. Despois de vivir en diferentes lugares, como lle cambiou a vida ser alcalde?
A verdade é que é un gusto poder gozar todos os días de Foz, ver medrar aquí ás miñas fillas... Por motivos laborais non acontecía así, desenvolvín a miña carreira profesional en lugares como Albacete, a provincia de Alacant, en Badaxoz ou en Sevilla, mais de entre todos os sitios nos que puiden traballar —aínda que me trataron excepcionalmente ben— escollo sempre Foz.
Entrou a militar no PSdeG-PSOE no 2015. Por que deu ese paso?
O que me fixo querer cambiar as cousas desde dentro foi a subida consecutiva durante catro anos da contribución. Catro anos de subida continuada xustamente cando Foz —e o conxunto de Galicia e de España— o estaba a pasar peor durante unha das peores crises como foi a do estoupido da burbulla inmobiliaria. Desde logo, as cousas cámbianse desde dentro e iso foi o que me animou a militar nun partido político. Despois foron os compañeiros os que me escolleron para ser o cabeza de lista no meu concello, do cal me sinto máis que orgulloso. Só teño para eles agradecementos e boas palabras. Todo isto contraponse a outra crise, a do COVID, a da pandemia, durante catro anos nos que non subimos nin un só imposto, senón que incluso os conxelamos. Isto é unha mostra evidente do cambio, pódense subir impostos cando os prezos están desactualizados, pero non no medio dunha crise. Hai que ser empático e responsable coas persoas cando peor o están a pasar.
No 2019 recuperou o goberno de Foz para o PSOE e, ademais, un partido que estaba moi dividido.
Os partidos son persoas e o que hai que ter claro é que, precisamente, o PSOE é un partido de debater, de contrapoñer ideas, de non calar. Cadaquén ten as súas particularidades, mais si que nos une un obxectivo común. É un partido de buscar sempre o beneficio social, non de bandeiras, non de patrias, non de exaltacións ou exabruptos; senón de xestión que lle sirva á xente. Fixemos un grupo novo con todo aquel que se quixo sumar achegando ideas entre todos e todas e de aí saíron uns grandes resultados, pois permitiunos xa no ano 2019 ser a forza más votada e conseguir sete concelleiros de dezasete que ten a corporación municipal. Agradecemos moito ese apoio e esa revalidación da confianza para gobernar.
Que balance fai desa primeira lexislatura? Puido sacar adiante todos os proxectos para Foz?
Non, nin moito menos. Ademais, a primeira é unha lexislatura de aprendizaxe. Despois chegou unha crise que, durante dous anos, paralizou a administración, non só a local, senón en xeral. Moitos proxectos víronse freados e só ao final da lexislatura comezamos a ver resultados de trámites como pode ser a aprobación no BOE das rotondas de Cangas, do enlace da Corredoira ou a redacción do proxecto —que se publicará en breve— dese terceiro acceso. O que se tentou, desde logo, foi axustarnos á realidade do concello, facer uns orzamentos reais conforme ás necesidades dos cidadáns. Por exemplo, o Plan de Mobilidade para evitar problemas ao dispoñer de dúas rúas principais no mesmo sentido de circulación; ou impulsar a vida cultural cunha programación variada, incluso no peor momento da pandemia. En definitiva, traballar en moitos eidos, nas infraestruturas, levando a fibra óptica a toda a superficie do concello...
Como presidente da Mancomunidade da Mariña tivo que lidar coa crise da COVID. Como lembra todo aquilo?
Pois foi un pouco esperpéntico. Sinalouse A Mariña case como un punto negro e ademais usáronnos como conejillos de Indias. Recordo reunións diarias co conselleiro de Sanidade naqueles momentos nos que a comarca estaba pechada e onde non nos pasaban datos fiables. Foi grazas á presión feita polos compañeiros e compañeiras que nos puidemos informar das cifras reais da pandemia. Á administración local asignáronselle unhas funcións —para as que non estabamos formados por autoridades sanitarias— por enriba das súas competencias. O que temos claro na Mariña é que hai unha identidade moi forte como comarca e cando nos unimos todos os concellos, independentemente da nosa cor política, conseguimos cousas importantes. A xestión conxunta e as reclamacións ante o COVID foi unha delas. E seguiremos a traballar para demandar á administración central e autonómica un investimento en infraestruturas e tamén un investimento industrial, porque afastar Altri da nosa comarca foi un dos momentos máis negros para A Mariña nestes pasados catro anos.
Falando do asunto de Altri, chegou a comparalo co caso de PEMEX. Cre que finalmente se instalará en Galicia?
A mostra máis clara de cando algo se converte en fume é, desde logo, a negativa a dar unha resposta. Teño que dicir que pedín, ata en catro ocasións, unha xuntaza con algún responsable, estamos a falar do conselleiro de Industra naquela altura, Francisco Conde; a xerente do consorcio Impulsa Galicia; ou co propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Nunca se nos concedeu unha entrevista para falar co presidente da Mancomunidade, que representa a máis de 71.000 veciños. Agora estamos oíndo, xustamente, que depende de fondos europeos xestionados polo Estado que a fábrica se implante ou non, pero non sabemos realmente o investimento real, que prazos ten a empresa, que quere desenvolver exactamente, cantas liñas de produción... Non coñecemos ningún plan estratéxico, nin de ningún outro tipo. Semella que foi unha opción política, unha promesa incumplida a unha comarca que estaba a sufrir naqueles momentos non só a crise da COVID, senón tamén a crise de Alcoa. Por iso falamos sempre da traizón da Xunta coa Mariña.
Cre que esa crise de Alcoa se resolveu da mellor maneira?
Hai que destacar aquí a implicación do goberno central, tiñamos liña directa co ministerio e co Secretario de Estado de Industria. E vemos como a acción do goberno foi a que conseguiu baixar os prezos da enerxía con respecto a anos anteriores. Isto conseguiuse coa excepción ibérica, cun desbloqueo dos parques eólicos e cunha promoción tamén dos parques ligados á produción de Alcoa. Cando se fala de realidades ou de alternativas para baixar ese custo eléctrico sobran as palabras e os feitos están aí.
Como valora os resultados das recentes eleccións municipais?
Pois moi positivos, ademais dentro da tendencia xeral de desgaste que tivo o PSdeG. Houbo un concello na comarca como foi Lourenzá que subiu en votos e en concelleiros e outros, como Foz, nos que mantemos o número de concelleiros e a porcentaxe de voto, aínda que baixamos lixeiramente. Iso demostra que a confianza se revalidou e que a xestión é positiva. Evidentemente, non nos podemos conformar con isto xa que agardabamos uns mellores resultados e para iso temos que traballar e facer máis cousas por Foz. Os datos son positivos pero para nós non son suficientes.
Finalmente chegaron a un acordo de goberno co BNG. Foron duras as negociacións?
Teño que dicir que desde o primeiro momento se contou co BNG para negociar. De feito, chamámolos para conversar e estabamos nesas negociacións cando nos sorprendeu un comunicado o día da toma de posesión. Afortunadamente, o Bloque Nacionalista Galego recapacitou ante esas declaración e puidemos retomar as conversas e chegar a un acordo que é o máis positivo para o goberno de Foz nestes vindeiros catro anos. Estou satisfeito co resultado desas conversas.
Cales serán as primeiras actuacións ou proxectos nesta nova lexislatura?
Temos moitas necesidades no noso concello e proxectos avanzados que veñen da anterior lexislatura. Hai que seguir desenvolvendo o Plan de Mobilidade e iso significa investimentos no entramado viario do casco urbano, facéndoo accesible, e investimento nos camiños e viais das parroquias. Temos tamén un déficit moi importante como é o auditorio, precisamos esa infraestrutura cultural en Foz para poder seguir desenvolvendo actividades nun dos concellos que máis propostas ten neste eido na Mariña. Temos tamén un déficit de prazas na residencia e hai que buscarlle unha solución. E temos proxectos moi avanzados como o do terceiro acceso. Hai outras cuestións como o tema de dotar de cobertura ás zonas de Trasmonte, Teixeira ou Fontao. Hai que preparar Foz para o que vén, xa que é o concello da Mariña que máis medra. Xa estamos máis que asentados nos 10.000 habitantes e hai que dotar Foz de máis e mellores servizos.
Que valoración fai tamén dos resultados das eleccións xerais en Foz e no conxunto de Galicia e o Estado?
Pois en Foz, respecto ás anteriores eleccións xerais, o PSOE mellorou os seus resultados. O que si que é certo é que o Partido Popular avanzou notablemente. O que nós analizamos como unha das principais causas pode ser o grao de coñecemento que tén Feijóo despois de ser o presidente da Xunta despois de tantos anos. Ser galego non significa que defendas o mellor para Galicia e iso demóstrase nas políticas que ten feito o Estado, especialmente a nivel social: o aumento das pensións, o SMI etc. Os españois falaron e dixeron que esa vaga do PP non era tal, esa onda conservadora que avanza por Europa, en España non existe ou non se manifesta con tanta intensidade. As próximas eleccións á Xunta para nós son unha grande oportunidade. Que non haxa máis escusas para que, por exemplo, non haxa médicos nos nosos Centros de Saúde.
Como cada verán, vemos Foz ateigado de xente. Como está a ser esta tempada estival?
Os veciños e os visitantes comentan sempre que en Foz sempre hai algo que facer, que nunca te aburres. É algo que me fai especial ilusión. Ao final non son só grandes infraestruturas e inauguracións, o que buscas é tamén intentar facer feliz á xente. E acompañala, e escoitala, e promover a túa cultura, e que a xente se siga relacionando sobre todo despois do que vivimos co COVID. Nós chegamos a triplicar a poboación e, como administración, temos que estar á altura.