Foz recibirá como donativo do profesor Pepe Otero os beneficios pola venda do seu último libro

No ano 2018 o profesor e filósofo Pepe Otero xa fixera unha doazón ao Concello coas vendas dunha publicación anterior.

En setembro do pasado ano 2022, o profesor Pepe Otero presentaba na Casa da Cultura o seu último libro, O mito da razón e outros relatos, acompañado polo exdirector da Real Academia Española, Darío Villanueva, e do tamén profesor, Ramón Reimunde. Este libro púxose á venda nas librerías de Foz (Bahía, Ofifoz e Rapadoira) e os beneficios destas vendas decidiu doalos ao Banco de Alimentos Municipal.


O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, veñen de recibir hoxe, venres, o donativo froito das vendas do libro, na
cantidade de 1.200 euros, que «será destinado ao fin que o propio autor do libro pediu: algo tan importante como cubrir necesidades do Banco de Alimentos Municipal». Alcalde e concelleira agradecen enormemente esta acción altruísta, que «parte do enxeño e reflexións dun profesor tan recoñecido en Foz como Pepe Otero e que reverte no beneficio da sociedade».