O Concello de Foz converteuse nun referente no Nadal na Mariña, o municipio non só brilla coas luces do Nadal senón que tamén destaca polo seu notable crecemento demográfico ao sumar este ano 37 novos habitantes. Foz conságrase como o municipio de A Mariña co maior crecemento poboacional, o que reflexa o seu atractivo e desenvolvemento.
Ademáis, foi un dos primeiros que acendeu as súas luces este ano. «O alumeamento é xa un incentivo máis para vir a Foz», declaraba o alcalde, Fran Cajoto, que foi o encargado de prender esta iluminación cunha conta atrás coreada pola veciñanza focega nun acto no que tamén estivo presente a banda de música municipal cun concerto.
A orixinal decoración de Nadal chega este ano a máis recunchos de Foz e pode considerarse xa «unha ruta turística que cada ano máis xente se anima a facer», tal e como sinala o rexedor municipal. Trátase dun percorrido con moitos puntos de interese. Para a concelleira de Cultura, Inés López Couto, ampliáronse as zonas iluminadas porque «tamén a vila medra e o alumeamento medra con ela».
Así pois, desde a árbore —un abeto artificial de once metros de altura— situada na glorieta de Vilalba pódense tomar varias rutas para descubrir as luces e as decoracións de varias rúas. Paradas obrigadas deben ser o Campo da Cabana ou a Praza Conde de Fontao, onde un osiño transitable se convertiu nunha das grandes atraccións. Tamén a Praza Martínez Otero conta este ano cun decorado especial, con adornos elaborados polos nenos e nenas nun obradoiro organizado en colaboración coa Asociación de Comerciantes local, «coa que traballamos man a man, pois despois dun verán moi bo para o noso tecido empresarial, queremos que este decembro sexa tamén especial», afirma Cajoto.
Este alumeamento e decoración, xunto á programación de Nadal de Foz, axudan a crear un ambiente perfecto para que a xente se achegue a ver as luces, pero que «ao mesmo tempo se pase polo noso comercio, que ten moito que ofrecer e que goce tamén da nosa hostelaría», destaca López Couto, encargada de levar a cabo o programa natalicio focego. Os máis pequenos serán os auténticos protagonistas destes festexos, pois son moitas e variadas as activades organizadas: teatro, maxia, festivais de música e xogos, como os que haberá desde o 26 ao 29 de decembro na Sala Bahía, escenario un ano máis dun parque infantil de atraccións que terá a súa continuación os días 2 e 3 de xaneiro no pavillón de Marzán. A concelleira de cultura sinala “os nenos poderán desfrutar do minitren, de inchables, de talleres, a barredora wipe out e outras actividades de forma gratuíta”.
Concertos
O domingo 24 de decembro poderase gozar do ‘Concerto de Panxoliñas’, cando o coro infantil da Escola de Música actúe polas rúas da vila e diante do Concello. Tamén o último día do ano poderemos escoitar panxoliñas, a cargo do grupo da Escola de Música de Foz. O 22 de decembro haberá outro Festival de Nadal, na Sala Bahía e a cargo da Escola de Música. O sábado, 30 de decembro, terá lugar tamén na Sala Bahía o ‘Concerto de Fin de Ano’ da man da Banda de Música.
Teatro
O día 23, Trécola Producións levará a escena a súa obra ‘Coa música a outra parte’, enmarcada dentro do Circuíto da Deputación Provincial. Ese mesmo día, o XIV Festival Infantil contará co grupo de teatro A Subela. O mércores 27, tamén haberá unha representación de 'A estreliña despistada', de Trécola Teatro, na Casa da Cultura ás 12 da mañá, organizada pola Biblioteca Salgado Toimil.
Visita de Papá Noel e Cabalgata de Reis
O 24 de decembro, Papá Noel visitará Foz e recibirá a todos os nenos e nenas que así o desexen. Inés López Couto especifica que “esta fin de semana Papá Noel estará esperando a visita de tod@s os que queiran estar un ratiño con el na súa casiña situada na praza do concello. A partir das 12 da mañá todos os que queiran poderán achegarse a visitar a Papá Noel e pedirlle que cumpra os desexos de última hora, xa que esa noite terá moito traballo para chegar a todas as casas”. Por último, a tradicional Cabalgata de Reis, percorrerá as rúas de Foz desde a praia da Rapadoira ata o Belén vivinte situado no Concello. A recepción das Súas Maxestades de Oriente terá lugar na Sala Bahía, onde haberá inchables e chocolate con churros e roscón.
Os Bolechas viaxan ata Foz
Para rematar o Nadal Os Bolechas chegarán a Foz o domingo 7 ás 12 da mañá na Sala Bahía, onde tamén se entregarán os premios do concurso de postais da Biblioteca Salgado Toimil, que este ano escolleu como postal gañadora á de Andrea Riveira Barcia, do grupo de Primaria A, e que se utilizará para felicitar as festas de todos os focegos e focegas por parte da Alcaldía.