Festa Normanda de Foz, entre a historia e a lenda
Durante a época altomedieval, documéntanse en Galicia varios ataques e incursións normandas. Este pasado normando na Mariña rememórase todos os anos con dúas festas de temática histórica: a Romaxe Viquinga do Vicedo e a Festa Normanda de Foz. Foi xustamente este último concello mariñán o escenario da popular lenda do afundimento das naves normandas, un milagre que se lle atribúe a San Gonzalo, o Bispo Santo. Este, ao ver desde o alto da Grela como as embarcacións normandas se achegaban á costa provocou, coas súas oracións, unha gran tempestade que afundiu os barcos dos invasores. Algunhas versións din que non quedou ningún navío, outras que deixou só un a salvo para que se estendese a noticia de que, en terras cristiás, non tiñan nada que facer. A romaría que hoxe alí se celebra pode situarse xa a finais do século XVI. E, desde 2011, celébrase na vila de Foz, a Festa Normanda de recuperación da memoria histórica, que este ano chega á súa undécima edición.
Xoves e venres: mercado e campamento normando, representación da lenda, pregón e nomeamento do Focego Maior
Hoxe, xoves 24, ás 20 h, terá lugar a apertura do Mercado Normando no Paseo da Ribeira; aínda que oficialmente as súas portas abriranse na mañá do venres xunto coa gran inauguración do campamento normando e campesiño. Durante todo o día do venres poderase gozar dunha manchea de actividades e animacións con recreación histórica. Así pois, no campamento normando represéntase o día a día das xentes viquingas. Ás 20 h haberá tamén tempo para a música e a diversión co pasarrúas de Upsala e coa actuación, no recinto normando, de DJ Darío. Ás 21 h, na área recreativa Bispo Santo, procederase á lectura do pregón, que este ano correrá a cargo de Manolo Chinchón, o encargado de darlle vida a San Gonzalo cada ano. A continuación, representarase, precisamente, a lenda do Bispo Santo coa participación dos veciños de San Martiño e José Peinó. Así mesmo, procederase ao nomeamento do Focego Maior. Xa á noite, haberá novamente un pasarrúas a cargo de Upsala e música con Cosmedeejay.
Sábado: teatralización do ataque normando e funeral
O sábado chega un dos pratos fortes desta festa, a gran representación do ataque normando co milagre de San Gonzalo, na praia de Tupide ás 13:35 h. Antes, ás 13 h, formaranse as tropas normandas e campesiñas para participar nos combates. No mesmo areal haberá tamén un concerto de Upsala ás 13:15 h. Ademais, durante a tarde poderanse realizar diferentes actividades nos campamentos. Ás 18 h, os asistentes gozarán de múltiples xogos populares previa inscrición na caseta de información: carreiras de sacos e de pipos, lanzamento de pacas etc. Ás 19 h haberá unha exhibición de combates na zona portuaria e actuación de Trip Malabar para deixar paso á música e á animación da man de varios dj’s. Xa á noite terá lugar a preparación no campamento do ritual de celebración do funeral do xefe normando, cunha procesión ata a praia de Tupide ao son dos tambores e dos fachos de luz. Ás 23:30 h haberá, de novo, concerto de Upsala, á espera do ritual fúnebre, no que Trip Malabar encherá de lume e pirotecnia a noite focega.
Domingo: desembarco infantil
O domingo será a última xornada de festexos e o día dedicado aos máis pequenos, pois celebrarase un desembarco infantil, en que as armas para a representación serán inofensivas, e unha Festa da Espuma.
Obradoiros e actividades nos campamentos
Entre as moitas e variadas actividades e obradoiros que veciños e visitantes poderán desfrutar nos campamentos, as máis interesantes son o taller de escritura medieval “scriptorium” e selado de documentos con lacre, onde se usará tinta, materiais históricos e plumas de aves para escribir; taller de peiteado viquingo e “pintacaras” de henna; acuñación de moeda histórica; taller de uso do tear e tinguido textil; elaboración de velas; ou contacontos inspirado nas sagas nórdicas.