Como valora os resultados das eleccións europeas en Foz e tamén en Galicia e no conxunto do Estado?
Os resultados en Foz seguen a mesma tónica que no resto dos concellos da Mariña. Demostrouse que o PSOE está forte, no sentido de que é o garante da esquerda responsable, da esquerda de Goberno. E ante a onda reaccionaria en Europa, España quizas foi un dos principais exemplos de excepcionalidade dentro dese clima bélico ou prebélico que se percibe incluso nos discursos e nos populismos que sufrimos todos os días.
Achégase outro verán con boas perspectivas para o turismo, vostede foi un dos poucos alcaldes mariñáns en poñer sobre a mesa a implantación dunha taxa turística. Segue a ter a mesma opinión?
Nós apostamos por esa taxa turística e, ademais, sen ningún tipo de vergoña e sen ningún complexo. A motivación é evidente, pois temos que dar servizo e temos que atender a 30.000 persoas durante o verán. Isto non é gratuíto. Cando incrementamos o persoal en 20 persoas para o servizo de salvamento nas praias, ou dispoñemos dúas persoas máis para reforzar o sistema de recollida de lixo ou temos oito persoas adicionais no servizo de limpeza viaria, implica un custo. E ese custo non o deben soportar os veciños empadroados, pois non só son eles os que se benefician desta mellora dun servizo. Isto é unha consecuencia do incremento de poboación, polo tanto, os visitantes, as persoas que gozan de Foz como lugar de vacación e aos que estamos encantados de recibir, teñen que contribuír. E a forma más factible é a través desta taxa turística que, por certo, non é algo novidoso, non son experimentos con gasosa, senón que é algo que está perfectamente implantado desde hai moitos anos en moitas localidades, non só de Europa, senón de España.
Polo tanto, os Concellos, que somos maiores de idade e que somos unha Administración responsable, deberiamos ter a liberdade de poder decidir e atender a esas demandas que teñen os diferentes municipios segundo as súas características. Desde logo, en Foz, coa carga de turismo estacional e co aumento de poboación flotante en verán, evidénciase esta necesidade. E penso que está incluso fóra do debate veciñal, pois unha maoiría da poboación está de acordo, mesmo os propios empresarios hosteleiros. Unha taxa turística sería moi beneficiosa porque se coidamos mellor a vila e ofrecemos mellores servizos imos posibilitar un turismo mellor e de máis calidade. Así pois, pedímoslle á Xunta de Galicia que nos deixe regulalo e que nos deixe aplicalo.
Outro tema de actualidade relacionado co turismo é o da regulación das Vivendas de Uso Turístico...
Pois agora estamos coa fase final da aprobación do PXOM, pois aínda que temos PXOM desde o ano 2018, tiñamos unha parte bloqueada por mor dunha legalización de captacións. Con iso estamos e queremos levalo xa a este pleno do mes de xuño para conseguir esa aprobación final para que os veciños e veciñas de Cordido poidan construír, que son os máis prexudicados.
Isto sería obxecto dunha modificación do PXOM. De todos os xeitos, debemos ser capaces de aplicar as normas ben e, neste caso, pedimos tamén un apoio do Goberno galego. Pois unha vez que o Goberno do Estado lexislou sobre as zonas tensionadas, cada comunidade autónoma debería lexislar, limitar e tomar as decisión oportunas ao respecto deste tipo de vivendas. Neste sentido, os Concellos temos unha capacidade técnica limitada e, polo tanto, o apoio dunha Dirección Xeral de Urbanismo nesta materia seríanos máis que beneficiosa; aínda que se non acontece así teremos que tomar medidas e aplicar normas propias que eviten ou minimicen os problemas que estamos sufrindo coas VUT. Isto, ademais, está relacionado co problema de acceso á vivenda, e unhas das cuestións que queremos facer é bonificar o IBI para desbloquear vivendas que actualmente non están no mercado. A vivenda hai que facilitala.
O pasado verán Foz tivo problemas co consumo da auga da traída, están solucionados?
Unha infraestrutura fundamental e que é de competencia municipal é a rede de abastecemento de auga. Aquí actuamos de dous xeitos: o ano pasado corrixindo da maneira máis áxil posible cambiando o reactivo, dispoñendo un floculante para que a materia orgánica decantara e que en reacción co cloro non producira ese produto trihalometano que nos obrigaba a recomendar non usar esta auga para beber ou cociñar. Este ano volvemos sufrilo en menor medida en Cordido, pois tivemos que conectalo á rede xeral por causa dun desprendemento de taludes despois dos temporais do inverno. Pero desde o primeiro minuto non nos quedamos aí, xa que o que fixemos —ademais de ter traballo avanzado neste sentido— foi acelerar o novo contrato da concesión da auga. Este novo contrato inclúe as melloras na planta potabilizadora que se necesita para pasar dunha infraestrutura dos anos oitenta a unha acorde ao século XXI. Estamos a falar dun investimento moi importante, de máis de un millón de euros, para dispoñer dun pretratamento con ozono e evitar así o risco de sufrir novamente este problema. Estamos a facer todos os trámites, aprobouse o estudo de viabilidade económica, estamos rematando o tema dos pregos que será o seguinte que vaia a pleno para poder xa sacar a nova licitación e agardando que a final deste ano ou primeiros do que vén o contrato estea adxudicado, no que a nova concesionaria ten a obriga de executar esa mellora da planta potabilizadora. Isto non é un esforzo do Concello, senón de toda a veciñanza, porque é froito dunha actualización de tarifas de auga —que é certo que levaban máis de 20 anos sen actualizarse—.
É moi importante investir na potabilizadora e tamén na mellora da rede, na cal sufrimos algunhas roturas nalgunhas tubaxes que aínda temos en fibrocemento. Esa renovación vai ser posible tamén dentro dese contrato cun canon variable que se estableceu e que se vai reinvestir integramente na mellora da rede, o que significa tamén prepararnos para a poboación que vai vir porque o crecemento continuo de Foz obríganos a estar espertos e a adaptar as infraestruturas ás necesidades que ten o noso municipio.
Hai certo malestar e preocupación entre familiares e usuarios da residencia pola suba das tarifas...
Gustaríame facer dúas puntualizacións. En primeiro lugar, a residencia non debería ser un tema de polémica nin de confrontación política en ningún caso, pois é unha infraestrutura fundamental que da servizo a unha necesidade que temos cando nos facemos maiores e pasamos a ser dependentes. É tamén unha infraestrutura tristemente insuficiente, xa que só ten 40 prazas e hai máis de 150 persoas en lista de espera. Pero non se debería facer política con isto, máxime cando o actual goberno está a seguir exactamente o mesmo modelo de xestión que o Partido Popular e sacouse a nova licitación exactamente co mesmo modelo de contrato que fixo o PP. Hai que recordar que a residencia é propiedade da Xunta de Galicia aínda que está a ser xestionada polo Concello por unha petición do anterior alcalde. Cando se rematase ese convenio, o goberno municipal quería que pasara a ser xestionada pola Xunta, que é o seu lexítimo propietario. Desta maneira, os usuarios pasarían a pagar só un 80% das súas pensións. Iso non foi posible, xa que nos obrigaban a botar fóra a residentes e a traballadores. Despois desta situación, volvemos sacar unha licitación pública que deriva nuns prezos conforme ás subas actuais do mercado e o Concello, para evitar unha situación de crise social, aumenta a partida para as axudas de emerxencia social. O Concello é garante de que ningún dos actuais residentes se quede fóra por non ter recursos económicos suficientes para non poder pagar. Isto será posible grazas a esas axudas ás que dotamos con 200.000 euros adicionais.
En reunión cos usuarios trasladeilles que as axudas de emerxencia estaban para sufragar precisamente estes gastos no caso daquelas persoas que non teñan capacidade económica para afrontalos. No caso das persoas que teñan esa capacidade, por rendas ou por patrimonio, si que terán que afrontar ese custo. Imos ser conscientes das necesidades de cada familia sempre que se acrediten. Niso estamos, nesa seguridade que ten que dar o Concello, pois a Xunta abandonounos neste sentido. Ademais, soliitamos unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para abordar a necesidade de aumentar as prazas da residencia e para establecer a colaboración entre as dúas institucións e cumprir unha parte do novo convenio que asinamos que era a transferencia da propiedade do edificio ao Concello de Foz.
No referente ás infraestruturas, hai que falar das obras de mellora dos viais nas parroquias ou das agardadas rotondas de Cangas...
Isto entra dentro do desenvolvemento sostible e da Axenda 2030, que para nós non son só siglas, senón obxectivos. Tiñamos moi claro que cunha poboación de máis de 10.000 habitantes, dos cales máis do 40% vive fóra do casco urbano, había que favorecer a conectividade de todas esas persoas. Iso significaba actuar na accesibilidade en todos os eidos. Un moi importante que se conseguiu na anterior lexislatura foi a estensión da fibra óptica en todas as parroquias. Outro punto que aínda temos pendente é a mellora da cobertura de telefonía móbil na zona de Brea, Fontao, Teixeira e Trasmonte nas parroquias de Santa Cilla e Nois.
A outra pata é a mellora de infraestuturas viarias, nas que estamos actuando cun plan de mellora de camiños rurais a través de distintos plans confinanciados pola Xunta, UE, Ministerio de Agricultura, Deputación, etc. É unha cuestión moi importante, pois cando chegamos a este goberno había aínda barrios con camiños de terra. Cando falamos de conectividade no rural implica tamén a seguridade nunha arteria que nos atravesa como é a nacional, con esas rotondas de Cangas que por fin se executan este ano, que xa están marcadas, a empresa contratada e os traballos iniciaranse en pouco tempo. Outra reclamación necesaria e importante fóra do casco urbano sería a da ansiada autoestrada, que nos evitaría as travesías en Nois, Fazouro e Cangas, facilitaríanos o transporte e daría saída tamén ás mercadorías de toda unha comarca. Independentemente de toda cor política, é algo que temos que conseguir.
Que outros proxectos e retos ten por diante Foz?
Debemos falar tamén da mobilidade no casco urbano e por iso fixemos un plan de mobilidade urbana sostible ao pouco de chegar para ter un esquema, unha planificación de actuación. Estamos con proxectos importantes e interesantes, a pesar de que algunha obra, como a das Casas Baratas, está bloqueada. Estamos a falar do terceiro acceso, do que temos moito avanzado, e que enlazaría con esa subida á Costa do Castro que xa urbanizamos na anterior lexislatura. Temos un entramado, toda a zona da Rapadoira, Corporacións Municipais e casco histórico, que queremos dotar, embelecer e preparar as infraestruturas para que teñan unha vida útil de décadas. Non é unha cuestión menor para nós a integración do urbanismo na contorna e por iso imos dispoñer de máis árbores, de máis zonas de sombre e dun urbanismo máis sostible.
Ademais de todo isto, dentro de pouco imos poder dispoñer dun lugar para renovar os cerficados dixitais e tamén dentro de pouco estou seguro que conseguiremos unha oficina móbil para renovar o DNI de forma física. Dotar de máis servizos e de máis posibilidades o noso casco urbano vai garantir que cada vez sexa máis atractivo o noso municipio.
Así mesmo, hai outras cuestións como o asociacionismo, a biblioteca, o proxecto dun futuro auditorio... que para nós son moi importantes. Estamos a preparar un proxecto de dous libros sobre a vila, unha sala de estudo dentro da Casa da Cultura, a coidada programación cultural... Son pequenos detalles os que fan que moita xente escolla Foz para vivir porque en Foz sempre hai algo que facer. É unha frase que escoito a miúdo, porque sempre hai vida cultural e iso fai pobo. Iso é tan importante como o arranxo dunha beirarrúa ou o asfaltado dun camiño.