«Queremos conmemorar o Día Internacional das Bibliotecas con programación durante todo o mes de outubro. Ademais facémolo en colaboración coa Concellería de Igualdade e as actividades están relacionadas con ese ámbito», explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
Este domingo, día 8, ás 11.30 h no salón de actos da Casa da Cultura, Pakolas encherá de música o lugar co espectáculo Ramona na órbita. A dona do tempo, un musical para maiores de 3 anos que pon en escena o seu libro do mesmo título.
O martes 17 de outubro, ás 18.30 h chegará á Casa da Cultura Caxoto, co seu contacontos Coas mans na masa (contos de igualdade). É para
nenos a partir de 4 anos. O martes 24 de outubro, Día Internacional das Bibliotecas, ás 18.30 h, tamén na Casa da Cultura, a compañía Mircromina representará a obra Vacacións no mar. É para todos os públicos.
O xoves 26 de outubro, ás 18.30 horas na Biblioteca, realizarase un contacontos e presentación do libro Horripilantes, de Elena Cienfuegos. É para público de máis de 5 anos. As actividades do domingo 8 e o martes 17 forman parte do programa Ler conta moito.
A concelleira de igualdade, Elena Martínez, convida «a nenas e nenos a vir e participar nunhas actividades que son o comezo da axenda que se está a preparar na Área de Igualdade e Muller e que proximamente se continuarán anunciando». E engade que «novembro é un mes moi importante e queremos seguir promovendo actividades que nos leven a un mundo máis igualitario».
Clases de baile
Tamén se abre o prazo para anotarse nas clases de baile de verbena que se organizan dende a Concellería de Cultura na Sala Bahía. Serán todos os martes ás 19 horas desde o día 10. Para anotarse hai que chamar ao teléfono 982.140.027, extensión 3, ata o vindeiro venres, día 6. O prezo
por mes é de 30 euros e serán desde outubro ata maio. Se se finaliza o curso o último mes será financiado polo Concello de Foz. As prazas son
limitadas.
«Tivemos moitas peticións de clases de baile. Son para aprender a bailar merengue, boleros, bachata ou outros moitos e ir as verbenas coma un auténtico bailarín», indica a concelleira de Cultura, que finaliza comentado: «esperamos que se anote moita xente e no verán teñamos unhas verbenas cheas de magníficos bailaríns».