Castiñeira asegura que «Cajoto persiste na mentira da residencia»
«É certo que grazas ao Partido Popular hai unha residencia e segue habendo unha residencia en Foz para a xente de Foz con traballadores de Foz. Esa é a realidade moi a pesar de actitude do señor alcalde que vimos ao final do mandato pasado», sinala Castiñeira. E engade que: «Iso dicímolo no PP e tamén os propios afectados —residentes, familiares e traballadores— que vían que Cajoto lles mentía reiteradamente sobre o asunto da residencia. E agora volve mentir», remarca.
Castiñeira explica que «primeiro porque no seu día quedou co PP e os afectados en que iamos a participar cando sacara o servizo a contratación os distintos partidos políticos e os propios afectados, pero non o fixo». «De feito, preséntanos un prego do novo concurso no que el mesmo recoñece que soben os prezos, pero que dende o Grupo Municipal do PP de Foz descoñecemos porque só participou el. Só coñecemos pola prensa que bota a culpa ao Partido Popular», engade.
O voceiro considera que «esta non é a actitude que lle pedimos a un alcalde» e avanza que «desde o Grupo Municipal do Partido Popular imos intentar participar nesa elaboración dos pregos e se teñen que saír cuns prezos de mercado, o señor Cajoto ten fácil solución: á parte de que os propios usuarios van poder solicitar as axudas que a Xunta ten para eses servizos de residencia o que ten que facer o señor alcalde é incrementar as axudas de emerxencia que xa dispuxo no seu día o goberno do Partido Popular para todas aquelas persoas que se non poden pagar o servizo, sexa o Concello quen lles axude».
Castiñeira cre que «a actitude do señor alcalde é absolutamente a contraria, desvincularse absolutamente deste servizo; incluso a costa de que sexan os máis damnificados os propios veciños de Foz. Quere cederlla á Xunta de Galicia e, polo tanto, que nesta residencia non teñan prioridade os veciños de Foz». A este respecto, conclúe: «ninguén en Foz quere que a residencia a xestione a Xunta, excepto o alcalde».