O rexedor municipal explica que «o pleno ordinario de hoxe, luns, retrasado de forma deliberada polo voceiro do PP, incrementa o orzamento en 180.000 euros para o pago de facturas da residencia e centro de día». Retruca deste xeito ao voceiro do PP que no día de hoxe manifestaba que «o alcalde incumpre sistematicamente coa empresa adxudicataria que, despois de varios meses de servizo extraordinario, se ve na obriga de volver reclamarlle ao Concello os seus pagos».
Cajoto engade que «o voceiro do Partido Popular, o señor Castiñeira, é o único causante da suba de prezos que se vai a producir na residencia e pretende enmascaralo con xuízos de valor e descualificacións persoais, intentando impoñer intereses particulares fronte á legalidade»; en referencia ás palabras de Castiñeira, que subliñaba «o incumprimento sistemático do rexedor coa residencia. Se engana todo o tempo aos veciños de Foz con este servizo tan importante, non nos podemos imaxinar o que fai diariamente».
Son catro os puntos nos que incide o equipo de goberno de Foz para explicar a situación da residencia de maiores e darlle unha resposta ao voceiro dos populares:
- «A Xunta —Consorcio— desentendeuse da residencia a pesar de ser da súa competencia. Isto provoca que os usuarios vaian ter que achegar do seu patrimonio para aboar a súa praza se non é suficiente coa pensión que cobran, ao contrario do que pasaría se a xestionara a Xunta. O Concello de Foz, en todo caso, asumirá os custes daqueles que non dispoñan de patrimonio a través das axudas de emerxencia».
- «O Partido Popular aprobou no pleno de maio de 2023 o Estudio de Viabilidade da Residencia, onde se inclúe os prezos das prazas —2.054 euros de saída para os dependentes grado III—. Non é certo que non dispoña da información».
- «As facturas encóntranse en diferentes fases de tramitación, algunha incluso tivo que ser devolta por incongruencias dos cálculos da empresa, segundo os estudos dos técnicos municipais».
- «O Concello trouxo a pleno o incremento do orzamento en 180.000 euros con cargo aos veciños de Foz para facer fronte aos pagos que non quixo facer a Xunta».
O alcalde engade que «o señor Castiñeira xa se esqueceu cando os provedores locais non querían traballar con el por non pagar. Pouca seriedade demostra o voceiro do PP en todo o seu discurso. Primeiro facéndolle perder o tempo aos veciños de Foz cun pleno que xa podía estar celebrado e que por facer dano a Foz obrigou a retrasar. E agora con falta de rigorosidade en todas cantas afirmacións fai deste municipio, no que nin se digna a falar cos técnicos».