Alcaldesa de Barreiros desde 2019, Ana Ermida fai balance do 2024, un ano« bo», aínda que con matices. E confía que o 2025 sexa mellor e permita que o traballo sementado floreza con forza.
–Que espera do 2025?
–Esperemos que 2025 nos dea tranquilidade e podamos recoller o froito das cousas que se viron xermolar. Parece que en 2024 empezaron a florecer os traballos que fomos facendo, aínda que ás veces hai moito dese traballo que non se pode visualizar.
–Que balance fai do 2024?
–O balance é bo, aínda que houbo algúns acontecementos que foron duros. Pero tanto para a veciñanza como para o concello foi positivo. Hai que resaltar os avances da depuradora de San Miguel, que era un obxectivo do noso goberno. Déronse pasos importantes no abastecemento de auga e tamén organizamos eventos como os mercadiños ou as carreiras populares, que nos situaron nunha boa posición. En definitiva, foi un ano de moito traballo, pero no que avanzamos en moitos eidos. Por exemplo, o servizo de socorrismo tamén deu un salto cara adiante moi importante que apoiouse no traballo feito con anterioridade.
–Cal é o problema coa auga?
–O problema dáse principalmente en agosto, porque non hai infraestrutura para tanta demanda. Este ano fixemos algunhas obras e agora firmamos un convenio coa Deputación que nos permitirá respirar con tranquilidade. Sen embargo, o obxectivo é máis ambicioso.
–Que importancia ten a cultura para o Concello de Barreiros?
–Queremos a dinamización do Concello como un espazo onde a xente poda participar. Tamén queremos levar actividades ás parroquias. Fixemos talleres, actuacións... Abrimos as bibliotecas rurais, que é un apartado no que queremos seguir traballando... O noso obxectivo como goberno é democratizar a cultura.
–Podemos falar entón dun ano de proxectos que terá continuidade...
–Hai obras, como as da auga, que non se ven, pero son moi importantes. Requiren moito traballo e investimento. E quero poñer en valor o traballo que fan todos os concelleiros e tamén o persoal municipal, que está moi implicado. Hai que ter en conta que ningún concello pode funcionar sen iso.