Recepción en Ribadeo para as tres piragüistas que acadaron medalla no Campionato de España Cadete
alcalde, Dani Vega, e o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent; destacaron a entrega e o sacrificio das tres rapazas así como o traballo realizado polo club.
Dani Vega subliñou que «o piragüismo ribadense está de celebración e de festa xa que Manuela Lastra, Elena Rico e Elena Justo fixeron un gran traballo. Esa vocación ao deporte, esa entrega, ese sacrificio e ese ánimo de traballar todos os días tróuxolles esta gran vitoria e gran recoñecemento que lles servirá como experiencia na vida».
O rexedor municipal felicitounas polos últimos éxitos acadados: «nós desde o goberno ribadense queremos felicitalas e desexarlles o mellor. No acto destacamos claves que son fundamentais: o sacrificio, o traballo, a dedicación, a vocación, é o que trae. Ás veces perdes, pero outras ganas. Diciamos no acto que non hai que quedarse simplemente coa vitoria senón coa experiencia de vida, que despois de moito traballo e dedicación é
cando empezas a recoller os froitos e os resultados. Desde logo con moi pouca idade están demostrando que a disciplina e o traballo traen grandes éxitos».
O alcalde tamén destacou o traballo realizado polo Club Altruán: «debemos felicitar a toda a dirección do club porque están facendo un traballo moi importante, desinteresado. É dicir, esa parte de altruísmo e voluntariado, que lle están dedicando aos nosos rapaces e a Ribadeo en definitiva porque demostra un amor e unha entrega á vila. Polo tanto, ao Club Altruán de piragüismo tamén felicitacións por ese gran traballo».
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que «recibimos no Concello de Ribadeo a tres excelentes deportistas galardoadas no Campionato de España Cadete. Son deportistas do Club de Piragüismo Altruán: Manuela Lastra, ouro en K1 500; Elena Justo, prata en PK3 500 e a Elena González Rico, prata en K2 500, acompañada tamén por Manuela Lastra”. O edil ribadense subliñou: “queremos poñer en valor todo o esforzo feito e o gran traballo que hai detrás dende o club para facer que co gran talento que teñen as deportistas se adestre o mellor posible para conseguir todos estes grandes éxitos. Agradecerlles a elas tamén que sexan embaixadoras de Ribadeo alí onde compiten e loitan por estar no máis alto do podio».
No acto celebrado no salón de plenos do Concello participaron o alcalde, Dani Vega, e os concelleiros de Deportes, Igualdade e Turismo, Francisco José Silvent, Begoña Sanjurjo e Marta Saiz. Ao remate houbo foto coas familias das deportistas, que as quixeron acompañar nesta recepción.