O Río Breogán enfrontarase en Ribadeo ao FC Porto
As entradas para asistir a este partido están á venda desde hoxe no pub Ribanzo e en Multitienda Teresa. O encontro dará comezo ás sete da tarde no pavillón municipal de Ribadeo. Na presentación do Trofeo, que tivo lugar no Parador de Turismo de Ribadeo, participaron o alcalde, Dani Vega, o director xeral do Breogán, Tito Díaz, o presidente da comisión de festas, Juan Luis López, e o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.
O rexedor tivo palabras de agradecemento para o traballo realizado pola comisión organizadora das festas patronais de Ribadeo e tamén para o concelleiro e o técnico de Deportes, Francisco José Silvent e Iván López, así como para o Parador de Turismo. Vega subliñou a importancia da celebración deste torneo internacional en Ribadeo a agradeceu a disposición do Río Breogán e do seu director xeral, Tito Díaz: «Tito, moitas grazas por escoller este enclave que é Ribadeo, é a túa casa, é a casa do Río Breogán, a casa do FC Porto … Entendemos que escollestes Ribadeo. Nosoutros querémosvos, pero vosoutros escollestes Ribadeo porque sodes uns enamorados profundos de Ribadeo. E agora o que tedes que facer é ser embaixadores de Ribadeo: onde vaiades, falar ben de Ribadeo, das súas xentes, do que temos en Ribadeo, que é moito».
O alcalde subliñou: «desde logo, un profundo agradecemento por escoller as nosas instalacións, escoller Ribadeo e naquilo que nosoutros podamos imos colaborar, tanto desde o Concello co reforzo económico como tamén desde a Xunta de Galicia, que sempre é unha colaboradora importante nos eventos que ten Ribadeo».
Para Vega «entre todos estamos facendo máis grande Ribadeo e poñendo a Ribadeo nese marco incomparable de eventos, de festivais, de visitas guiadas, de organizar grandes eventos culturais. En definitiva, Ribadeo é o referente, sen lugar a dúbidas, dentro da provincia é o concello que máis actividades está a celebrar».
O director xeral do Río Breogán amosouse moi orgulloso de poder disputar este trofeo en Ribadeo: «estou súper orgulloso como director xeral do Breogán. Persoalmente porque Ribadeo é a miña segunda casa de sempre; para min é imposible falar mal de Ribadeo. Todo o contrario, sempre falo ben porque non me queda outra. En nome do Breogán tamén, porque o Breogán non é un club solo de Lugo, é o club da provincia de Lugo, que empeza na Mariña e chega ata a Ribeira Sacra. Hai moita xente de Ribadeo que ven ao baloncesto, houbo baloncesto toda a vida en Ribadeo, eu mesmo xoguei ao baloncesto aquí. O baloncesto vai unido a Ribadeo».
Para Tito Díaz «recuperar un partido de primeiro nivel para Ribadeo, ademais nunha data tan importante como é o 30 de agosto (porque é período vacacional), traerá xente a Ribadeo e a xente que estea en Ribadeo poderá desfrutar dun espectáculo como o baloncesto. Trátase dun partido internacional de baloncesto, un partido no que o Breogán empeza a súa andadura nun ano histórico para nos porque volvemos a xogar en Europa; o Eurobreo, como se está a chamar. Estamos emocionadísimos de poder volver xogar en Europa e moi responsabilizados. Queremos facer unha boa tempada e para iso temos que facer unha boa pretempada. Empeza en Ribadeo e vai vir o mellor equipo que temos. Todos os xogadores teñen moitas ganas de empezar cunha vitoria».
O director xeral do Breogán engadiu: «agradecer á comisión de festas que se preocupe polo baloncesto, ao Concello de Ribadeo, ao Parador Turismo. O Breogán está encantado de vir a Ribadeo e volverá sempre que nolo pidan».
Pola súa banda, o presidente da comisión de festas, Juan Luis López, indicou: «simplemente agradecer al Concello por darnos ese apoyo y la oportunidad de traer este partido a Ribadeo. Es una idea que surgió después de tantos años sin celebrarse. Poder volver a traer al Breogán a un trofeo de las fiestas patronales es un orgullo para nosotros. Claramente agradecer al Bregoán, a Tito y por supuesto nombrar a Manolo, del Ribanzo, que fue la primera llave de unión que nos ayudó a gestionar esto. Si tenemos suerte podemos llenar Ribadeo con un partido internacional, un partido de nivel. Yo como aficionado al Breogán y al baloncesto estoy muy orgulloso de poder traer este partido. Espero que sirva como buen comienzo de pretemporada para que sea un año histórico».