Tonhito de Poi: «O norte alucíname, pero Ribadeo moito máis»

Antón Axeitos Ares (Ribeira, 1969), máis coñecido como Tonhito de Poi, visitará Ribadeo este sábado, 22 de xullo. Heredeiros da Crus é unha das bandas do cartel do Vendaval Fest, que encherá as rúas da vila mariñá co rock de grupos como o tributo Gansos Rosas, os asturianos La Tarrancha, Ritmo Vudú ou Beetle Judge. Tonhito, patrón maior de barco, é o capitán dos Heredeiros e asegura que a banda está no seu mellor momento. Todo multiplicado por 31, que son os anos que leva o proxecto enriba do escenario.

Tal e como comentaban os organizadores do Vendaval, son unha banda moi agardada na zona, mais Ribadeo non é descoñecido para o irreverente artista: «levo anos indo a Ribadeo. Lembro con moito cariño o pub Colón, durmín infinidade de veces no hotel Mi Norte, nadei nas súas augas… O norte alucíname, e Ribadeo moitísimo máis». Aínda que afirma que para dedicarse ao rock and roll non hai que ter moita “conciencia”, é “consciente” e sabedor das ganas que hai na comarca por ver o directo de Heredeiros: «estamos desexando ir, temos os abdominales turgentes, as nalgas apretadas e as guitarras afinadas para tocar en Ribadeo». 

 

Heredeiros da Crus foi, ademais, a banda sonora de toda unha xeración de adolescentes que medraron escoitando a música do Xabarín Club. «Iso fala da importancia da televisión pública e do director do programa, Suso Iglesias, que tivo a ben convocar a todos os grupos que comezabamos nesa época. Grazas ao Xabarín pasamos de tocar no Novecento —un pequeno pero ateigado pub de Ribeira— a encher campos de festas por todo o país». Tonhito amósase moi agradecido por todo o que supuxo: «foi unha grande oportunidade para grupos como o noso, Yellow Pixoliñas, O Caimán do Río Tea…pasamos a ser profesionais da música». O pasado ano, a xira do 30 aniversario tivo que interromperse debido á enfermidade do vocalista, Javi Maneiro. Tonhito de Poi asegura que «está mellor que nunca, ao ter que deixar de fumar e todo iso ten un timbre de voz brutal. A banda pasa por un gran momento». 

 

Un dos sinais de identidade de Heredeiros é a variedade dialectal que usan nas súas cancións, a das Rías Baixas. Con seseo e gheada, orgullosos do seu galego. «Eu decateime cando cheguei a Santiago, nin nós eramos conscientes de que falabamos así. Foi unha escolla espontánea, cantabamos como falabamos. O código non é o máis importante, non se pode subestimar o poder da música». 

No 2005, o de Castiñeiras anunciou que deixaba a banda e os seus integrantes emprenderon cadanseu proxecto persoal: Maneiro con Jabón Blue, Tuchiño con Recambios Tucho ou Fran Velo cos Mustangs e The Lákazans. «Todas as bandas lonxevas teñen que ter proxectos separados porque é a única maneira de manterse unidos. Agora a banda está forte porque cada un de nós pode desafogar, explorando novos camiños e formándonos como músicos», sinala Tonhito; que tamén naquel momento encetou outros camiños con A Banda de Poi ou Tonhito de Poi e Rasa Loba en colaboración con músicos portugueses: «era unha unión de pobos e o galego-portugués é unha idea moi poderosa. As fronteiras son mentira, un invento do home. Todo o que escape da realidade, crea conflito». Despois chegarían unha serie de traballos que recollen as súas experiencias na selva do Amazonas: O Soro da Verdade, Non Hai Onde Esconderse e In-Dios: «agora estou tentando consolidar todo baixo o nome de POI, estou a traballar cunha produtora fantástica como Cristina Morquillas e sacamos o disco Psicodelia». 


Os Heredeiros sempre deron que falar polos seus concertos. Rodeados de polémica, mesmo foron acusados de sexismo por subir a unha stripper ao escenario. A “corrección política” non vai con Tonhito de Poi, que asegura que en Ribadeo será máis do mesmo: «todo o que poida acontecer nun concerto de Heredeiros, multiplicado por 31, porque temos 31 veces máis potencia de son, tocamos 31 veces mellor e somos 31 veces máis tolos».